martes, 25 de novembro de 2014

O instituto Laxeiro rexeita a violencia de xénero con versos e unha performance

Silleda organiza unha concentración »Rodeiro presenta o plan de igualdade.


Nos últimos días, o IES Laxeiro cambiou a súa decoración habitual por varias exposicións de cadros, carteis e outros obxectos que representan a loita social contra os malos tratos machistas. Hoxe, 25 de novembro e Día Internacional contra a Violencia de Xénero, os alumnos de segundo de Bacharelato organizan á primeira hora (8.55) unha performance a modo de protesta e na que inciden na violencia que subxace entre os adolescentes baixo o control que se exerce sobre a parella. A partir das 13.30 horas, o grupo Casperverk Trío porá música e imaxe a este problema. Da man da docente Santorum tamén se desenvolve outra actividade, pero no blogue Trafegando ronseis. Baixo o título de Libro do mal Amor, os alumnos han ir escribindo haikus sobre os malos tratos, e decoraron estes versos con imaxes e coa axuda das profesoras Mar García e Aranzazu Piñeiro. Pero é que ademais, son xa case 30 os autores en galego que se sumaron con pequenos versos a esta loita. A organización non descarta publicar o libro se dispón de orzamento.

O instituto Laxeiro de Lalín vive estes días envorcado en preparativos para o 25-N e pronunciarse contra a secuela da violencia de xénero. Unha das iniciativas comezou a xestarse hai máis dun mes, adquirindo unha dimensión insospeitada nun principio. Os alumnos escribiron haikus sobre esta temática, pero a profesora Gracia Santórum decidiu involucrar a poetas galegos na iniciativa. A bóla foi crecendo, cada vez con máis participantes, tamén doutros recunchos de España no xa bautizado como Libro do Mal Amor. Os haikus foron ilustrados por estudantes e polas profesoras e artistas Mar García e Aranzazu Diñeiro.
Se nun principio foron escritores como Carlos Negro, Chus Pato ou Lucía Aldao os que aceptaron escribir os seus propios haikus, despois foron sumándose desde María Canosa a Antonio García Teijeiro, Ana María Fernández, Juan Carlos Martínez Ramos ou Concha Blanco . A rede foise estendendo a nomes como Miro Villar, Chisco Fernández Naval, Doures Tembrás, Francisco Castro, María Reimóndez ou Xoán Babarro, entre outros. Se se logra financiamento incluso se pretende publicar un libro con esas mensaxes, que agora se mostran en carteis acompañando os debuxos alusivos.
Esa exposición de haikus e ilustracións é unha das que se poden ver no centro con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Hai outras con zapatos, pancartas ou libros, por exemplo. Non será hoxe a única actividade prevista. O programa arrincará cedo, ás 8.55 horas, cunha performance a cargo de alumnos de segundo de Bacharelato, na que se incidirá no perigo que supón a violencia escondida na adolescencia en forma de control e en promesa de amor eterno.
A partir das 13.30 horas o grupo Caspervek Trío porá música e imaxe contra esta secuela social e tamén está prevista a plantación de 51 flores malvas, tantas como mulleres asasinadas no noso país no que levamos de ano. En concreto será estudantes de primeiro de ESO os encargados desta tarefa de 9.00 a 10.00 horas. Será un día para a concienciación entre os máis novos.

Lalín non é, nin moito menos, o único municipio cunha infinidade de actividades para conmemorar a presente xornada. En Silleda, o Centro de Información á Muller (CIM) convoca unha concentración ás 12.00 horas, e no centro cultural Vista Alegre, da Bandeira, a Anpa Brincadeira organiza unha sesión de fotos con mensaxes contra a violencia machista. Será entre as 17.30 e as 19.30 horas.
Pola súa banda, Rodeiro escolle hoxe aos gañadores do cuarto Concurso de Carteis Igualitarios, e que poderán participar nunha campaña de sensibilización o ano que vén. Ás 20.30 horas, presenta na Casa de Cultura o II Plan de Igualdade de Oportunidades entre homes e mulleres.

Ningún comentario:

Publicar un comentario