xoves, 13 de novembro de 2014

“Impartir materias non específicas crea inseguridade e merma a calidade do ensino”

Como afín, Cristalina tivo que impartir aulas de francés o pasado ano e, neste curso, é titular tamén de Lingua galega. 

Afrontar as aulas dunha materia da que non é especialista, afirma, “crea moita inseguridade” e “merma a calidade do ensino”. Quen así fala é Cristalina Rodríguez, profesora de secundaria do IES Campo de San Alberto en Noia. Perante a proposta do novo decreto de especialidades, Rodríguez Domínguez asegura que "claramente" a política educativa camiña cara á "un ensino" no que o profesorado cumpre "horas sen importar como está a dar aulas".
Que supón impartir aulas da que non es especialista?
Hai moita diferenza, porque cando dou galego, aínda que sexa de Lingua castelá, deféndome relativamente ben. Porén, en Francés non. Sénteste moi insegura, tes que preparar as aulas e dedicarlles moito máis tempo pois é unha lingua moi distinta. É moi complicado. Por exemplo, se es especialista o lóxico é que impartas as aulas nesa lingua, neste caso en francés, mais eu impartíaas en galego.
Acontece en máis casos no teu centro?
Teño unha compañeira de galego que ten como afín castelán no ensino para adultos. Porén, onde é máis grave é nos Centros Públicos Integrados (CPI), sobre todo no rural. Neses colexios hai poucos alumnos e menos profesores. Aí danse máis casos, por exemplo unha compañeira de Arzúa impartía Educación Física e Tecnoloxía que son materias de áreas completamente diferentes.
É obrigatorio asumir estas materias?
Depende. Eu son interina. As persoas interinas escollemos aquelas materias afíns que están relacionadas coa túa especialidade, mais hai a quen obrigan a dar aulas. Nalgúns casos néganse e conseguen que envíen unha especialista, mais noutros casos isto non é así.
“Camiñamos cara á un ensino no que temos profesorado cumprindo  horas sen importarlle como está a dar as aulas”
Como reverte na calidade do ensino?
Claramente a calidade baixa. Hai moitos profesores que se cinguen só ao libro e non se complican. Non van máis alá. Non complementan a formación nen tratan os contidos con outras focaxes. Os alumnos moitas veces danse conta, perciben a túa inseguridade e iso fai que aínda te sintas máis insegura.
Como valoras o decreto de especialidades que prevé aprobar o goberno español?
É totalmente negativo e vai en contra da mellora na calidade do ensino. Aliás, ti fórmaste como especialista mais a administración non a ten en conta. Ao final, temos profesorado cumprindo as súas horas nun centro mais sen importarlle moito como está a dar as aulas. Porén, esta lexislación contrasta coa importancia que se lle está a dar ao inglés, por exemplo. Para iso hai cartos. No concreto, o que se está é a preparar o alumnado para a emigración, mentres, coa LOMCE, converten a Filosofía nunha optativa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario