luns, 29 de abril de 2013

“Xuntos contra o espolio na educación pública”

Profesores, alumnos, pais e nais e persoal non docente de centros educativos do sur de Pontevedra protagonizan protestas e peches contra os recortes no sistema educativo público e contra a lei de reforma educativa (LOMCE). Galería de fotos no interior.


Profesorado, alumnado, pais e nais, e persoal non docente de centros do sur da provincia de Pontevedra protagonizaron a pasada noite diversas accións e peches contra os recortes na educación. Os encerros responden á convocatoria "Toma o teu centro" da Plataforma Estatal por la Escuela Pública, impulsada dende a Marea Verde de Aragón e apoiada pola Marea Verde estatal e polas organización sindicais CCOO, UXT, STEs, CGT, a Asociación de Pais e Nais CEAPA e o sindicato de Estudantes. Foi un chamamento á comunidade educativa para estar este 25 de abril "todos e todas xuntos pechados" contra "o espolio do sistema educativo" e contra a lei de reforma educativa (LOMCE) promovida polo ministro Wert.
A comunidade educativa amosa así o seu "rexeitamento frontal á política educativa vixente de espolio dun sistema educativo público construído co esforzo de todas e todos, mentres observamos como se dedican os recursos económicos ó rescate e ó apoio do poder financeiro e ó aumento do poder da escola concertada e privada", explican desde o IES Chapela.
Os convocadores dos peches consideran ademais que a aprobación da LOMCE é "o paso definitivo para acabar coa educación como dereito e convertela nunha mercadoría ó servizo duns poucos, unha lei antipedagóxica, mercantilizadora, segregadora, sexista, antidemocrática, ideolóxica, excluínte, privatizadora e recentralizadora".
"Non podemos permanecer impasibles ante o deterioro dramático sufrido nas condicións laborais dos profesionais do ensino público (diminución de retribucións, aumento de carga lectiva e horario, descontos económicos por baixas laborais, non sustitucións…) nin ante as repercusións que, directa ou indirectamente, supoñen para o alumnado as medidas adoptadas (imposibilidade dunha axeitada atención á diversidade, limitacións no acceso ás becas, restricións nos comedores escolares...)", insiste a comunidade educativa.
O primeiro paso
Profesores, alumnos, pais e nais e persoal non docente anunciaron ademais que estes actos de protesta só son "o primeiro de tódolos que sexan necesarios". Estas primeiras protestyas non son máis que "a manifestación clara de que xa estamos fartos do rumbo que están a seguir as medidas adoptadas dende as diversas administracións políticas e educativas, polo que non podemos facer outra cousa que esixir o cese dos recortes no ensino, a rectificación dos mesmos e a non aprobación da LOMCE", din.
Os peches e protestas tiveron lugar nos CEIP Carlos Casares (Nigrán), Humberto Juanes (Nigrán), Neira Vilas (Peitieiros - Gondomar), Serra Vincios (Vincios –Gondomar), nos IES Auga da Laxe (Gondomar), Escolas Proval (Nigrán), Primeiro de Marzo (Baiona), Val Miñor (Nigrán), Terra de Turonio (Gondomar), Alexandre Bóveda de Coia (Vigo) e no IES Chapela, entre outros.
Galería de fotos dos peches nos centros educativos do sur de Pontevedra.

Ningún comentario:

Publicar un comentario