xoves, 18 de abril de 2013

O Consello Escolar de Galiza dálle as costas ao decreto do PP de comedores escolares

Namentres o plenario rexeitaba a proposta da Consellería de Educación, desenvolvíase unha concentración ás portas do Consello convocad@s pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público


Está é a terceira vez que o Consello Escolar de Galiza revóltase contra unha proposición da Consellería de Educación cos precedentes do decreto de plurilingüismo e a lei de convivencia. Esta vez o portazo foi para o decreto de comedores escolares promovidos polo departamento que dirixe Jesús Vázquez, unha proposta que contou co rexeitamento dos distintos colectivos e organizacións sindicais e estudantís que conforman a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público.
Con 17 votos a favor da súa retirada, 13 en contra e unha abstención, acordábase na tarde desta cuarta feira a devolución do documento ao goberno galego para que o modifique. Dende a CIG Ensino, o seu secretario nacional Anxo Louzao defendeu no pleno a emenda á totalidade e a retirada da proposta de Decreto polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios. Ás portas do Consello, cent@s de manifestantes convocad@s pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público amosaron o seu rexeitamento a unha proposta que, consideran, supón un novo golpe á educación universal.
Transportado
Para Anxo Louzao, o decreto da consellería da educación “pon en tea de xuízo a igualdade de oportunidades e vulnera o dereito á educación e o deber de estar escolarizado”, sendo que “elimina o dereito ao comedor escolar gratuíto para o alumnado transportado, non cumpre a función compensatoria nin a social e penaliza a poboación do medio rural”.
Segundo a nova proposta de Jesús Vázquez, tod@s @s alumn@s dos centros docentes primarios e secundarios terían de pagar polo comedor, agás as familias que non superasen un teito de 7.000 euros per cápita, independentemente de estaren obrigad@s a usar o transporte escolar ou non.
“Estamos ante un decreto que no canto de asumir que os comedores escolares son unha necesidade de todos os centros educativos e que a administración educativa ten de ser a que directamente se faga cargo deste servizo, golpea as familias máis desamparadas economicamente, atentando, non só contra un dereito, xa que a educación tamén é un deber”, manifestou en declaracións o sindicalista galego.
Finalmente, Louzao denunciou a “actitude autoritaria e antidemocrática da administración do Partido Popular” por se saltaren o procedemento legal da negociación deste decreto na Mesa Sectorial e por consideraren “un estorbo” os foros de debate. “Agardemos que a Consellaría de Educación acepte a decisión do Consello e non faga ouvidos xordos ao sentir xeralizado”, alegou Louzao, apelando “á necesidade dun consenso”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario