Formoso propón novas estratexias de planificación lingüística para actuar no ensino, mais tamén para mudar as representacións negativas e reforzar as positivas, xa que para ela a clave do futuro da lingua reside en “atender de xeito urxente ao imaxinario social sobre a lingua galega, en especial ao que posúen os galegofalantes”. O título do libro déixao claro: pasar "do estigma á estima". "Ese é precisamente o obxectivo; tal e como están as cousas, é fundamental incidir na recuperación da estima do idioma ao tempo que facemos outras moitas cousas pola normalización; se non é así, será moi complicado avanzar", asegura a autora a Praza.
"O golpe máis grande foi descubrir que os alumnos tiñan os mesmos prexuízos que cando eu ía ao instituto", di a autoraA obra parte do traballo de investigación sobre o discurso lingüístico nos centros de ensino levado a cabo por Formoso, á que lle sorprendeu moito a falta de avances en canto á querencia ao idioma. "O golpe máis grande que levei foi descubrir que o alumnado tiña os mesmos prexuízos e utilizaba o mesmo argumentario cara ao galego que cando eu ía ao instituto; e todo malia que agora xa hai equipos de normalización nos centros, unha chea de actividades a prol da lingua e moito traballo detrás", lamenta. "O argumentario era idéntico: que para que ían usar o galego, que non o sabían falar ou que non lles servía para nada", engade.
Os prexuízos son grandes nas zonas urbanas, pero tamén no rural e naqueles rapaces galegofalantes que en moitos casos acaban por renegar da súa lingua. Por iso, para Formoso "é fundamental aumentarlles a estima aos que falan galego". "Hai que facerlles crer dunha vez que o que eles falan valen", insiste, logo de reflexionar sobre as "equivocacións" que tamén cometen os profesores. "Trabucámonos cando non valoramos a fonética e só nos centramos na gramática, en parte porque o sistema está así e nin tan sequera existen os exames orais", asegura, convencida de que "hai que mudar o ensino da lingua e o traballo dos equipos de normalización para incidir na estima ao idioma e na eliminación de prexuízos".
"Os galegofalantes teñen prexuízos propios, como os que asocian o seu idioma ao rural ou á pobreza"Así, Valentina Formoso lembra que os galegofalantes "teñen prexuízos propios" e diferentes a aqueles que non empregan o galego ou o falan menos. "A lingua está asociada ao rural, a ser pobre e de clase baixa ou nacionalista; hai todo un estereotipo arredor de quen fala galego e debemos traballar para acabar con eses estigmas e para que se manteña o idioma", engade.
Porque ese é tamén un dos erros nos que Formoso repara na súa obra. "Durante todos estes anos percibín que o ámbito da normalización está encamiñado a recuperar falantes, pero para nada en manter os falantes que xa tiñamos", explica. "É moi habitual escoitar incluso a compañeiros dicir que non hai nada que normalizar nas zonas galegofalantes porque aí xa é maioritario o galego, cando logo vemos como estes rapaces van vivir á cidade e deixan de falar a súa lingua", di.
"A normalización centrouse en recuperar falantes, pero non en manter os que xa tiñamos"Cambiar o discurso lingüístico é o obxectivo, aínda que os atrancos son moitos. Tamén chegan desde a Administración, que pouco fai por aumentar esa estima da lingua, especialmente nos últimos anos. "Os poderes públicos son os primeiros que deben esforzarse en darlle estima ao idioma, pero as mensaxes que se estiveron mandando nos últimos anos non favoreceron en nada", asegura Formoso, que revela unha recente conversa cun responsable de política lingüístico en Euskadi. "El tiña claro que o obxectivo era a estima do éuscaro e só hai que ver como recuperaron eles a súa lingua e como nos foi a nós", engade.
A estes prexuízos que chegan desde a propia administración engádenselle tamén as características sociolóxicas dun pobo como o galego. "Non son experta no tema, pero si creo que a situación do galego tamén ten que ver coa falta de estima que en xeral temos como pobo; non nos queremos demasiado e sempre apreciamos o de fóra", remata antes de non dubidar en cualificar de "crítica" a situación do idioma propio no país.
"Non é bo ser vitimista, pero hai que recoñecer que a situación do galego é crítica""Non é bo andar flaxelándose nin ser vitimista, pero si que hai que recoñecer a situación. Todo é reversible, pero hai que poñer os medios. Empeorouse moito nos últimos anos a situación da lingua, sobre todo en canto ao discurso, o que provocou que nos centros de ensino vexamos cada día menos profesorado e menos alumnado interesado en empregar a lingua", finaliza.
Ningún comentario:
Publicar un comentario