Representantes da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público veñen de anunciar en rolda de prensa a convocatoria de novas mobilizacións contra a aprobación da Lei de Mellora da Calidade Educativa (LOMCE) e tamén contra as últimas medidas programadas pola Consellaría de Educación, "medidas que se traducirán en novos recortes no ensino público". A Plataforma tamén convocou unha concentración para o 17 de abril en Santiago de Compostela coincidindo co debate do decreto de comedores no Consello Escolar de Galicia, ás 16:45 horas. Os peches van ser rotativos e desenvolveranse durante todo mes desde ás 17 horas ás 10 da mañá do día seguinte.
"A Plataforma tamén convocou unha concentración para o 17 de abril en Compostela coincidindo co debate do decreto de comedores no Consello Escolar de Galicia".
A Plataforma considera a LOMCE como unha lei "reaccionaria, españolizadora, privatizadora, clasista, antipedagóxica, antidemocrática, e confesional, que liquida a igualdade de oportunidades e que expulsa do ensino os sectores sociais máis desfavorecidos da sociedade". Anxo Louzao, secretario nacional da CIG-Ensino, criticou a actitude do Conselleiro de Educación que -dixo- actúa con “covardía”, "elude defender as competencias que lle corresponden á comunidade autónoma e que a LOMCE invade" e "lle nega á comunidade educativa galega a posibilidade de debater o anteproxecto".
A representante das Federación Provincial de ANPAS de Lugo, Elvira Lombao, denunciou a decisión da Consellaría de eliminar institutos de ensino secundario (coma o IES As Mercedes de Lugo ou o IES Carballeira de Ourense) converténdoos en centros integrados de formación profesional, co obxectivo de recortar profesorado (que a esta altura ademais non pode concursar para obter un novo destino e vai ser desprazado ou suprimido) e para desviar alumando a centros privados concertados.
“Somos a única comunidade de todo o Estado que vai obrigar ás familias a pagar por un servizo necesario para escolarizar ao alumnado que ten que usar necesariamente o transporte escolar”
Pola súa banda, o deputado do BNG, Cosme Pombo, denunciou que “somos a única comunidade de todo o Estado que vai obrigar ás familias a pagar por un servizo necesario para escolarizar ao alumnado que ten que usar necesariamente o transporte escolar”. Pombo referiuse á dispersión de núcleos que existe no país e advertiu que máis de 20.000 novas familias van ter que pagar agora polo servizo, cunha taxa que ademais se incrementa un 40%. Finalmente, Alberte Mera, secretario nacional de Galiza Nova, afirmou que “o PP ten no punto de mira o ensino galego” e insistiu na importancia dos peches que comezan o día 9 de abril en Santiago, para "visualizar o rexeitamento social que xa se puxo de manifesto en outras mobilizacións e folgas estudantís".
Calendario de peches
9 de abril. Santiago (IES Rosalía de Castro)
10 de abril. A Coruña (IES Menéndez Pidal)
11 de abril. Carballo (IES Alfredo Brañas)
11 de abril. Ferrol (CIFP Ferrolterra)
12 de abril. A Guarda (CEIP A Sangriña)
15 abril. Carballo (IES Alfredo Brañas)
15 abril. Cangas (IES Rodeira)
17 abril. Lugo (IES As Mercedes)
18 abril. Verín (IES Xesús Taboada Chivite)
22 abril. Burela (IES Monte Castelo)
22 abril. Ourense (Xefatura territorial)
23 abril. Cambados (IES Ramón Cabanillas)
24 abril. Ribeira (IES Nº 1)
24 abril. Vigo (IES San Tomé Vigo)
25 abril. Gondomar (IES Terra de Turonio)
26 abril. Pontevedra (IES Torrente Ballester)
Ningún comentario:
Publicar un comentario