Nomeadamente, segundo a orde publicada no Diario Oficial de Galicia os concertos educativos terán unha dotación orzamentaria total de 941 millóns de euros entre o curso 2013-2014 e o 2016-2017, unha caída do 7,5% a respecto da anterior, publicada en 2009. Por niveis educativos, Primaria e Secundaria seguen a levar o montante orzamentario principal, con 704,21 millóns de euros, 60 menos que hai catro anos. A continuación sitúase o ensino infantil, con 146 millóns que supoñen unha redución de 18 a respecto da anterior convocatoria. Para educación especial a Consellería reserva 42,4 millóns en concertos -en 2009 foron 46,8- e a única suba atópase en Formación Profesional, con 49,2 millóns, un 1,9% máis que en 2009.
Eliminación da mención á "non-discriminación"
A orde de 2009 baseábase nun decreto que vetaba a discriminación por razón de sexo na admisión do alumnadoÁ marxe da cuestión económica, esta orde sinala que o marco xurídico no que se integra é a Lei Orgánica de Educación e o decreto galego 254/2012, tamén no que atinxe á "escolarización e admisión do alumnado". Mentres que a orde de 2009, redactada polo bipartito e corrixida polo gabinete de Feijóo, se refería a un decreto de 2007 que vetaba a "discriminación por razón de sexo", entre outras, a de 2013 apóiase noutra norma promulgada en 2012 no que tamén se sinala que " en ningún caso haberá discriminación" por razón de sexo, pero co matiz de que "os centros que desenvolvan o principio de coeducación [nenas con nenos] serán obxecto de atención preferente e prioritaria", pero non exclusiva.
Tendo en conta, por unha banda, que a Consellería de Educación non prevé recorrer a sentenza do TSXG contra os centros segregacionistas, pero tamén, por outra, que o Goberno central prevé darlle aval legal a que estes colexios sexan financiados con fondos públicos, todo semella indicar que a Xunta podería volvelos dotar de fondos públicos en canto o Goberno de Rajoy así o dispoña. Tendo en conta os cálculos das centrais sindicais educativas, estes colexios -na súa maioría vinculados ao Opus Dei- viñeron recibindo tres millóns de euros anuais.
Ningún comentario:
Publicar un comentario