Baixo o lema Non queremos ser estranxeiros na propia patria, a plataforma Queremos Galego chama á mobilización en defensa da nosa lingua: "xa gostariamos de mudar o argumentario, mais é o de sempre. A exclusión do galego é tal que á Xunta só lle falta colgarnos a campaíña de leprosos".
"O único que reivindicamos é o cumprimento da lei e do plan xeral de Normalización Lingüísticas". Non piden nada do outro mundo, mais na Xunta semellan non entender. As razóns para o protesto son "moitas", mais son tamén "as mesmas de sempre". Xa o di o voceiro de Queremos Galego, Carlos Callón: "xa gostariamos nós de que mudase o noso argumentario..." Porén, as agresións do Goberno galego á lingua propia do País non mudaron e fixéronse, se cabe, máis intensas.Respecto do ano pasado, por exemplo, as situación empeorou e un informe da Mesa permitiu coñecer que nas sete cidades galegas o 96% dos centros de ensino non imparten "nada" en galego. A porcentaxe é tan rechamante que case cumpriría lexislar nesa liña para conseguir "unha exclusión tal que hai colexios onde se recomenda material educativo en inglés ou en castelán, mais nada en galego".
Por isto, a plataforma cidadá Queremos Galego volve chamar ás rúas no día da nosa lingua e das nosas letras, o 17 de Maio, (Alameda de Compostela, 12h e até a praza da Quintana) nunha manifestación nacional que encherá como cada ano as rúas da capital galega reivindicando a vixencia do que Rosalía de Castro escribiu hai 150 anos nos Cantares Gallegos e "erguendo a bandeira que ela levantou" asinando a primeira obra monolingüe en galego que reclama unha identidade cultural xa desde as páxinas do prólogo.
"A Xunta non fai nada para divulgar de verdade a Rosalía", sinala Carlos Callón, quen critica a "carauta cínica" das homenaxes que despois promove o Goberno, ás que por certo convidou unha escritora en español, Marta Rivera de la Cruz, para que dese leitura aos versos da poeta de Padrón. Non queremos ser estranxeiros na propia patria, dicía a propia Rosalía e di o lema con que decorrerá a mobilización, reclamando as mesmas cousas após trinta anos "de vulneración e incumprimento" da Lei de Normalización Lingüística. Conclúe Callón taxativo: "só lles falta é colgarnos a campaíña de leprosos aos que queremos vivir en galego".
Ningún comentario:
Publicar un comentario