xoves, 18 de abril de 2013

O Consello Escolar de Galicia rexeita o Decreto de Comedores e acorda devolver o texto ao Goberno

Os sindicatos cren que o "lóxico" sería retirar o texto, pero temen que a consellería "tire para adiante"

 O Consello Escolar de Galicia rexeitou na súa reunión deste mércores o novo Decreto de Comedores Escolares proposto pola Xunta e acordou a devolución do texto ao Goberno autonómico para a súa modificación.
   Así, nunha sesión na que estaban presentadas ata sete emendas á totalidade do texto, o Consello Escolar acordou rexeitar este decreto por 17 votos a favor, 13 en contra e unha abstención.
   Aínda que tanto os sindicatos como as Anpas e outras entidades presentaran emendas á totalidade, finalmente non puideron votarse de forma agrupada dado que, segundo explicou a CIG, o rexeitou o representante da Xunta. Non obstante, os enmendantes acordaron apoiar unanimemente á primeira e única emenda á totalidade votada, coa que se acordou devolver o texto á administración.
   "Gañamos a votación", explicou, en declaracións a Europa Press, o secretario xeral de CIG Ensino, Anxo Louzao, quen considerou que este decreto é "un golpe máis ao ensino público" e atenta contra a "gratuidad" dos comedores escolares nos centros públicos, "moi necesarios" para parte dos escolares, sobre todo tendo en conta a crise económica.
   Neste sentido, Louzao considerou que este decreto é "unha involución" e "pon en tea de xuízo o propio dereito á educación". "Estamos ante un decreto que, en lugar de agrandar a posibilidade de acceder aos comedores, a reduce", criticou Louzao, que sinalou que "nin sequera garante prazas de comedor escolar" en todos os centros públicos".
   Durante a reunión do Consello, Anxo Louzao tamén criticou a consellería por "saltarse o procedemento legal que é perceptiva" para este tipo de documentos, se negociación na Mesa Sectorial. "Esta actitude evidencia, unha vez máis, o comportamento antidemocrático e autoritario da consellería", sentenciou.

DEVOLUCIÓN DO TEXTO

   Despois de que o Consello Escolar, o "máximo órgano de representación da comunidade escolar", solicitase a "devolución" do texto, recordou Anxo Louzao, o "lóxico e normal" sería que "a Administración puxese o contador a cero e iniciase un novo proceso".
   "Pero moito temémonos que o PP mostrará o seu autoritarismo unha vez máis e tirará para adiante", sentenciou Anxo Louzao. "Non o "imos permitir", concluíu.

MANIFESTACIÓN

   Dende as 16.30 horas deste mércores, decenas de persoas da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público manifestáronse ante o edificio compostelano no que se desenvolvía o consello Escolar. Entre outras entidades, mobilizáronse os sindicatos CIG, CC.OO., UGT e STEG, membros de Anpas, profesores e estudantes.
   Os manifestantes, que esperaron algo máis de hora e media a que concluíse a reunión, portaron pancartas nas que se podían ler consignas como 'Polo dereito ao comedor escolar' ou 'Contra os recortes en educación. En defensa do ensino público' e reclamaron 'Máis comedores e menos sobres'.
   Tras coñecer a resolución do consello Escolar, Alternativa Galega de Esquerda (AGE) esixiu a "retirada inmediata" deste decreto e considerou que a decisión é "un novo golpe" á política educativa do Partido Popular.

Ningún comentario:

Publicar un comentario