luns, 29 de abril de 2013

Correlingua comeza o 2 de maio para defender o galego como "chave do mundo”

Os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Deputación de Lugo son as únicas administracións que apoian a carreira popular a prol do idioma propio, que este ano cumpre a súa 13º edición.


Este venres 26 de abril o Teatro Principal de Pontevedra acolleu a presentación dunha nova edición do Correlingua, carreira pola lingua que percorrerá diferentes vilas e cidades galegas baixo o lema “O Galego, a chave do mundo”. Na presentación pública desta edición do Correlingua, entregáronse os premios ao alumnado dos centros de ensino gañadores dos diferentes concursos:  elaboración do manifesto, banda deseñada, e vídeo.
Desta volta o premio de Banda Deseñada foi para o alumnado de 3º e 4º de Educación Primaria do CEIP Ramón Otero Pedraio, de Amoeiro, Ourense, que se presentou co pseudónimo “Deseñamos”. O premio de Vídeo  foi para o alumando de 4º da ESO  do IES Isaac Díaz Pardo, de Sada que presentou co pseudónimo de Gallaecia Films o audiovisual “Galego, chave do mundo”.  Como  finalista do manifesto foi escollido o alumnado de 3º da ESO do IES Pintor Colmeiro, de Silleda e os gañadores foron “Os Golgoretos” do grupo de  4º de ESO do IES A Pinguela, de Monforte.
 
As carreiras pola lingua partirán de Ourense e percorrerán doce comarcas galegas (Ferrolterra, A Coruña, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo, Baixo Miño e O Condado, O Morrazo, do Deza Ribeira Sacra e A Mariña) coa participación de centros de ensino de toda Galiza. Cada unha das carreiras rematará cunha festa pola lingua que contará con actuacións teatrais e musicais por parte dos artistas convidados e do propio alumnado.
 
O Correlingua vénse celebrando de xeito regular desde o 2000 aínda que é unha vella iniciativa promovida na súa orixe por entidades culturais e na actualidade está organizada pola Mesa pola Normalización Lingüística, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, a Confederación Intersindical Galega – Ensino, os Concellos de Lugo, Pontevedra, Ourense e Vigo e a Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
 
Ademais do alumnado premiado, a presentación e entrega de premios contou coa presenza de: Miguel Anxo Fernández Lores (Alcalde de Pontevedra), Susana Méndez (Vicepresidenta da Mesa pola Normalización Linguistica), Anxo Louzao (secretario nacional da CIG-Ensino), Demetrio Gómez Xunqueira (Concelleiro Normalización Lingüistica do Concello de Pontevedra) e Marta Dacosta, coordinadora do Correlingua .
 

Ningún comentario:

Publicar un comentario