mércores, 17 de abril de 2013

O Estado pagou 94,2 millóns a profesores de relixión durante 2012

A Administración Xeral do Estado pagou un total de 94,2 millóns de euros en profesores de relixión católica durante 2012, segundo se desprende dunha resposta parlamentaria, recollida por Europa Press, e dirixida ao deputado navarro Juan Moscoso del Prado no Congreso dos Deputados.
Así, o Executivo detalla que o custo das retribucións dos profesores de relixión foi de 71,9 millóns de euros e o custo da Seguridade Social correspondente a esas retribucións ascendeu a 22,2 millóns de euros durante 2012. "O custo total polo tanto do citado profesorado ascendeu a 94.203.625,36 euros", puntualizou o Goberno.
É máis, explica que o Estado soamente paga o custo dos profesores de relixión católica do nivel de Educación infantil e de Primaria das comunidades de Andalucía, Aragón, Canarias e Cantabria, ademais do correspondente ao seu ámbito propio de xestión, como é Ceuta, Melilla e colexios do exterior.
Neste sentido, precisa que o número total de profesores de relixión católica para o ámbito indicado e, contratados en 2012, foi de 2.953. Ademais, sinala que o número total de horas lectivas que impartiron foi de 69.787.

DEDICACIÓN DE CAPELÁNS HOSPITALARIOS

En resposta tamén ao PSOE, o Goberno recorda que existen 415 capeláns que traballan en hospitais en toda España, segundo se recolle na Memoria presentada pola Conferencia Episcopal en 2010, e estes traballan ben a tempo parcial ou completo. Sobre se hai capeláns doutras relixións traballando en hospitais, o Goberno sinala que non dispón actualmente de datos oficiais.
En canto á asistencia relixiosa católica nos centros penitenciarios, o Executivo explica que esta está encomendada aos capeláns nomeados polo Ordinario do lugar e autorizados pola Secretaría Xeral de Institucións Penitenciarias, que poden ser capeláns responsables ou ben de apoio. En 2012 puntualiza que prestaron asistencia relixiosa un total de 146 capeláns.
Igualmente, precisa que existen tamén relixiosos e segrares pertencentes á entidade pastoral penitenciaria, que prestan os seus servizos nos centros penitenciarios en multitude de programas. "Estas actuacións enmárcanse na intervención de ONG e entidades colaboradoras en centros penitenciarios, rexida por outra normativa distinta que se recolle na institución", subliña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario