venres, 26 de abril de 2013

Peches no ensino en dez centros do sur de Pontevedra

Nove centros de ensino do Val Miñor e outro de Vigo mobilízanse contra os recortes orzamentarios que sofre a educación. 


Nove centros de ensino do Val Miñor levarán adiante un peche na tardiña deste xoves 25 de abril en protesta polos recortes orzamentarios que sofre o sector e en rexeitamento da lei de reforma educativa (LOMCE) promovida polo ministro Wert. A medida non afectará o normal desenvolvemento da actividade escolar, segundo comunica a Coordinadora de Centros do Val Miñor, responsable da medida en oito deles. A actividade mobilizará ao persoal docente, pais e nais do alumnado e estudantes maiores de idade.

O encerro responde á convocatoria "Toma o teu centro" da Plataforma Estatal por la Escuela Pública, impulsada dende a Marea Verde de Aragón e apoiada pola Marea Verde estatal e polas organización sindicais CCOO, UXT, STEs, CGT, a Asociación de Pais e Nais CEAPA e o sindicato de Estudantes.

En defensa do ensino

Segundo explica a Coordinadora de Centros do Val Miñor, a medida proposta é o peche nos centros escolares "na defensa do Ensino Público, por unha escola para todos e todas e para manifestar o rexeitamento aos recortes en Educación e ao proxecto de lei LOMCE".

No Val Miñor o peche se levará adiante nos tres concellos, nomeadamente os CEIPs Carlos Casares ( Nigrán), Humberto Juanes (Nigrán), Neira Vilas (Peitieiros - Gondomar), Serra Vincios ( Vincios –Gondomar); e nos IESs Auga da Laxe ( Gondomar), Escolas Proval ( Nigrán), Primeiro de Marzo ( Baiona) e IES Val Miñor (Nigrán).

Outros peches na comarca

"Se ben, vai haber peches noutras comarcas e cidades de Galicia, pensamos que a alta concentración de centros e participantes no noso Val, posiblemente unha das maiores de todo o Estado, fai que acade un alto valor informativo", sinala a profesora Rosa Pascual, voceira da coordinadora.

Ademais dos centros antes mencionados, terán lugar un encerro con coloquios e actividades culturais no IES Terra de Turonio (Gondomar), convocado pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público. Peche que tamén apoia a coordinadora "Dado que coincidimos nos motivos da mobilización", afirma Rosa Pascual.

Tamén en Vigo

Ademais, alumnado, profesorado e familias van permanecer pechados no Instituto Alexandre Bóveda de Coia, en Vigo, tamén como medida de protesta polo deterioro da educación pública e contra a LOMCE. Ás 21.30h comenzará o peche onde teran lugar unha serie de actos como a mesa redonda de informacion e debate sobre a LOMCE, cea, actuacións e concertos. Asemade, todos os venres pola mañan acudirá a comunidade educativa vestida de negro como manifestacion do seu descontento.
Do medio colaborador Valminor.info

Ningún comentario:

Publicar un comentario