A Presidencia en funcións da RAG recibiu unha dilixencia, con data de 15 de abril de 2013, na que "se lle abre un prazo de trinta dias á Xunta" para "manifestar se sostén ou non o recurso de casación" que ten "preparado". Isto, di a Real Academia nun comunicado, deixa claro que "pese ás manifestacións públicas do presidente da Xunta" nas que asumía "as distintas sentenzas xudiciais sobre o decreto do plurilingüismo, a Xunta preparou recurso de casación ante o Tribunal Supremo en tempo e forma contra a sentenza do TSXG". "Na data desa providencia" o Executivo "non tiña desistido do seu recurso e por tanto está en prazo para completar a súa formulación", toda vez que "a día de hoxe non nos consta ningunha notificación en sentido contrario".
Feijóo asegurou o 14 de marzo que o Goberno galego renunciaba ao recurso, pero un mes despois aínda non o fixo formalmenteNeste contexto, a RAG informa ademais de que, "como corporación de dereito público", está "exenta de pagamento de taxas" xudiciais na presentación do recurso. Isto, unido a que "os servizos xurídicos" da Academia "seguen a facer un traballo responsable, xeneroso e desinteresado en defensa da lingua galega, sen percibiren ningún tipo de remuneración", implica que o procedemento xudicial non terá custo ningún para a entidade. En calquera caso, subliña, este é "un dos escasos recursos nos que o conflito lingüístico chega ao Tribunal Supremo de Madrid". Neste alto tribunal "os idiomas catalán e vasco foron defendidos en numerosas ocasións", pero "polos seus respectivos gobernos".
Ningún comentario:
Publicar un comentario