A Mesa galega de ensino no rural vaticinou en 2010 a desaparición dos comedores escolares "por levar a extremos as medidas economizadoras". Agora exixen á Xunta un plan global que free a perda de poboación nestas zonas do País apostando polo ensino público.
"Un dos escasos servizos, como foi o dos comedores escolares, que se foi sostendo a duras penas, está sentenciado á súa desaparición polo feito de levar a extremos as medidas economizadoras".Así vaticinaba en xullo de 2010 a Mesa galega de educación no rural a privatización do servizo de comedor escolar no rural que xa confirmou a consellaría de Educación.
Daquela, o colectivo do cal fan parte os principais sindicatos e organizacións pedagóxicas do País (CIG-Ensino, CC OO-Ensino, STEG, FETE-UGT, AS-PG e Nova Escola Galega) pronunciábase en contra do peche de oito comedores, medida que cualificou como "o enésimo exemplo do abandono que sofre o ensino rural por parte do goberno do PP".
Acrecentou a plataforma en que este tipo de servizos son básicos para soster poboación no rural malia que o Goberno galego, en mans de Feijóo, trata os comedores "como se fosen unha empresa". Por iso, reclamaron un xiro nas políticas educativas para non afondar no despoboamento do rural.
A súa exixencia non foi ouvida en San Caetano. Após o agrupamento emprendido nas escolas do rural, volvendo ás unitarias da ditadura, a seguinte medida da consellaría de Educación foi incrementar nun 40,2% o prezo para prestar o servizo de comedor escolar, que era de balde para o 91,82% do alumnado e que agora terán que (re)pagar o 43,26%, segundo os datos do departamento que dirixe Jesús Vázquez. O principal afectado volve ser o rural. Porén, non será a última (contra)medida: as asociacións de nais e pais están a agardar polo anuncio do repagamento do transporte escolar.
Rachar coa "mentalidade urbana" e recoñecer "a valía pedagóxica do rural"
Neste contexto, a Mesa galega de educación no rural volve reclamar á Xunta un plan global que free a caída de poboación, reclamando que o dereito das crianzas a recibiren educación na súa contorna fronte "á primacía do criterio económico curtopracista e miope que afonda no desequilibrio territorial". Exixen o recoñecemento para "a valía pedagóxica" do rural e rachar coa "mentalidade urbana" desde a cal se elaboran os currículos oficiais para abrir as escolas á súa contorna social e ao mundo labrego con saídas e outras actividades que poñan en valor esta forma de vida fronte a visión de "reliquia etnográfica do pasado".
Frear o peche de centros e a supresión de unidades, así como manter a ESO, a gratuidade do comedor e estender o transporte gratuíto a bacharelato e FP nos institutos do rural, son algunhas das medidas que tamén fan parte dun documento onde foron colocando as achegas da cidadanía de cara á nova xuntanza que a plataforma manterá esta sexta feira, día 19, en Lugo.
Aliás, reclaman que a Xunta de Galiza asuma o custo de Preescolar na Casa, programa de educación integral para familias e crianzas que foi desmantelado na anterior lexislatura sinalando cara á austeridade. Porén, o que Educación entrega ao ano aos centros que segregan por sexos, 3.000 millóns, darían para finanzar durante tres anos PnC funcionando a pleno rendemento.
Ningún comentario:
Publicar un comentario