O órgano, que ten unicamente caracter consultivo, pide que se elimine da LOMCE a obriga de que os territorios con lingua propia paguen unha escola privada para asegurar o ensino en castelán.
O Consello de Estado rexeita a obriga sinalada na LOMCE de que os territorios con lingua propia deberán finanzar o ensino en castelán en centros privados.Así o recolle o ditame sobre a contrarreforma educativa en que traballa o ministerio de Educación que redactou este órgano consultivo ao sinalar que "non debería figurar na lei por afectar ao ámbito de decisión das comunidades autónomas con lingua propia".
Con todo, o Consello de Estado, que na actualidade preside o ex conselleiro de Sanidade da Xunta, Romay Beccaria, comparte a postura da LOMCE no referente a que cómpre delimitar a "proporción razoábel" no uso dos idiomas cooficiais, discrepa de que sexa o Executivo español quen impoña "as medidas a adoptar" cando non existan "medios ou recursos" para garantir o uso do español como lingua vehicular nos centros públicos.
"A regra de que as administracións educativas deberán sufragar os gastos de escolarización cando os pais ou titores decidan escolarizar os seus fillos en centros privados non debera figurar na lei", recolle o ditame do Consello de Estado. A polémica sobre esta imposición do Goberno español acadou o seu punto álxido após quitar o ministro Wert a careta, facendo pública a súa intención de "españolizar os alumnos cataláns" e, por extensión, o estudantado da Galiza e de Euskal Herria.
"Procedería impor como obrigatoria" Educación para a Cidadanía
O ditame elaborado por este órgano consultivo reclama a Wert que non desapareza a asignatura de Educación para a Cidadanía, introducida no currículo escolar durante o Goberno do PSOE e que o Consello de Estado, nun texto asinado, entre outr@s, pola ex vicepresidenta María Teresa Fernández de la Vega, considera que "procedería impoñela como obrigatoria nalgún momento" para velar "pola aprendizaxe dos valores democráticos coa finalidade de preparar as persoas para unha cidadanía activa".
Na mesma liña poderían ter feito algunha alusión expresa á perda de carga lectiva da materia de filosofía, que fica relegada a unha situación practicamente residual. Porén, nada di ao respecto o ditame redactado pol@s expert@s.
Ningún comentario:
Publicar un comentario