Canda o catedrático de Didáctica e Ordenación escolar da Universidade da Coruña, Jurjo Torres, analizamos a contrarreforma educativa aprobada polo Goberno español cunha meta clara: "Acabar co ensino público".
O profesor Jurjo Torres (UDC) entende a educación como unha parte fundamental dun proxecto político de transformación da sociedade.Desde este prisma debullamos, pois, a chamada Lei orgánica de mellora da calidade educativa, LOMCE, un compendio de artigos cuxo denominador común pasa por fomentar a competitividade, fornecer o mercado de man de obra barata, evanxelizar e españolizar todo o que non é español.
Esta é a sétima reforma educativa que se realiza no Estado español desde 1975. Estaban todas orientadas a introducir melloras ou había detrás algún outro interese?
Orientadas a mellorar o sistema educativo estaban, si, mais en función de quen estivera gobernando. Eu estou convencido de que tamén agora o PP quere mellorar mais, que entende por mellorar? Que entendía UCD? E o PSOE? E o réxime de Franco? Planificar un sistema educativo implica influír en como queres que sexa a sociedade polo que a cuestión está en que entendo eu que é unha boa sociedade. Deberase partir sempre dunha análise das debilidades.
"A LOMCE non ten xustificación"E pártese? Cal é a xustificación da LOMCE?
A LOMCE non ten xustificación. Só se achegaron o que eles denominan "comparacións internacionais" que fai a OCDE, o informe Pisa. Porén, esa é unha organización que ten uns intereses moi concretos: promover o desenvolvemento económico.
Non se persegue o desenvolvemento integral da persoa. As materias que poderían axudar a conquerir tal obxectivo vanse varrendo do currículo: Educación para a Cidadanía desaparece; Ética muda de nome e pasa a ser optativa fronte a Relixión; e Filosofía é optativa en todos os niveis agás no bacharelato. En que momento o alumno vai aprender que é a democracia ou que é a igualdade? E agora a última proba de Pisa que nos introduciron: a Educación Financeira.
Máis unha chiscadela a un modelo neoliberal que se nos presenta como único?
Efectivamente. Se Margaret Tatcher funcionara ben nos últimos meses tería felicitado a Wert porque esta é a lei que ela gostaría de ter aplicado. Adiantáronselle. É a lei que pretende axustar o sistema educativo ao modelo de sociedade que o PP pretende. Non vai formar cidadanía, senón personalidades neoliberais, porque non fai as persoas conscientes de que vivimos nunha sociedade e de que todos somos interdependentes. Un cidadán neoliberal é un empresario de si propio, alguén que olla como lle pode sacar rendabilidade no mercado a todo o que fai.
O primeiro borrador da LOMCE arrincaba falando de competitividade. Na medida en que se foi protestando retiraron esa introdución e acrecentaron vinte e pico páxinas con palabras bonitas: "alumnos no centro", "persoas autónomas, críticas e con pensamento propio". Que pasa co articulado? Que quedou como estaba. Retíranse as materias que teñen a ver co mundo das Humanidades, da Filosofía e das Ciencias Sociais para dar peso á Relixión, que non forma persoas autónomas, senón persoas dogmáticas. Como van crear pensamento crítico se din que van eliminar do currículo os "temas conflitivos"?
Preténdese desdebuxar a realidade, convencer de que non existen outras linguas distintas do castelán, dunha maioría ultrarrelixiosa e conservadora, de que non hai desigualdades sociais?
As desigualdades sociais vai ser moi difícil velas cando na escola convivan só os fillos das familias de ben. A pobreza estará aí, mais será lonxe, nalgún país africano, e o sistema educativo non vai ensinar a entender por que túa nai ou teu pai foron despedidos do emprego. Pisa lévanos cara ás materias onde esa realidade non existe. Dinnos que temos que comer para estar sans, mais non se analiza por que hai uns señores empeñados en envelenar tales alimentos para obter un rendemento económico, poño por caso.
"Non vai formar cidadanía, senón personalidades neoliberais, empresarios de si propios"A educación debe ensinar por que a realidade é como é, non presentar só uns contidos para pasar de curso. Porén, hai un medo terríbel a que o alumnado entre en contacto con coñecementos que contradín verdades oficiais e van evitalo colocando até avaliacións externas para que aquel profesorado que se rebele non poida ensinar outra cousa. Sobre o papel está moi ben pensado. Agardo que na práctica lles estoure na cara.
É unha lei sexista?
Totalmente. O articulado deixa claro o apoio aos colexios que separen as nenas dos nenos. E Mates podo aprendelas eu canda outros homes e non pasaría nada. O problema é que a educación ten que ir máis aló. Cando vou entender eu como son as mulleres, como pensan, como senten, se me rodeo só de homes? Con todo, a explicación éche moito máis cutre: a Igrexa, os centros do Opus Dei e dos Legionarios de Cristo. Para eles os dez mandamentos só se encerran nun, o sexo, e pensan que se xuntan rapazas e rapaces aquilo podería converterse nunha orxía diaria. Por suposto non contemplan máis realidade que a heterosexual.
Nin contemplan a educación afectivo-sexual.
Iso xa non existe hoxe, nin na formación do profesorado. Foi desaparecendo paulatinamente nos últimos 20 anos. En Bioloxía imaxino que seguirán a explicar como vai o da reprodución, e até aí. E despois posiciónanse contra o aborto... hai unha lagoa moi forte no sistema educativo en todos os temas que controla a Igrexa católica.
Cando eu estudaba a maior taxa de abandono escolar estaba entre a poboación cigana.
Ouvícheslle falar a Wert da realidade estranxeira algunha vez? Pois a realidade cigana non a nomea tampouco. Estamos moi lonxe dunha mínima dignidade neste sentido. Xa che digo, é a lei que querería Margaret Tatcher. E xa dicía ela "ti preocúpate dos 2/3, que hai 1/3 que é irrecuperábel". Os informes de pobreza non os le o Ministerio, por iso non sabe que moitos destes rapaces a única comida saudábel que facían no día era a do comedor escolar.
"Hai unha lagoa moi forte no sistema educativo en todos os temas que controla a Igrexa católica"Ese 1/3 de "irrecuperábeis" son tamén @s fill@s d@s obreir@s?
Das clases traballadoras, da poboación inmigrante pobre, das familias ciganas e, na Galiza, do rural. Non hai unha política que permita ver a realidade que temos. A lei está feita por xente de Madrid que pensa que todo o mundo vive en grandes núcleos de poboación e para o resto só contempla recortes. A educación de 0 a 3 xa non existe; é asistencialismo. Existe para os seus fillos, mais non para o resto.
E a realidade plurinacional do Estado, onde queda?
Non saben o que é. Os idiomas e as culturas preséntanos como unha carga máis que terán que aturar os alumnos desas comunidades. Non houbo nunca unha lei educativa que asuma que somos un Estado plurinacional e a proba é que un rapaz de Madrid non pode estudar catalán ou galego. Con todo, a mensaxe que lanzan é a de que en Madrid poden dedicarlle máis tempo a aprender inglés porque non teñen outras cargas, como unha lingua propia.
Os contidos de Historia vai ditalos Wert, o mesmo que dixo que había que reespañolizar. Toda a lei é unha mensaxe de como queremos que sexa a sociedade no futuro. E a xente votará PP, claro. Que vai votar? Neste país só existen dúas cousas: PP e PSOE.
Despois de todo o que vimos de falar, que lle achega a LOMCE ao ensino público?
A meta da LOMCE é acabar co ensino público. A curto prazo que quede só para os sectores máis desfavorecidos e a medio prazo que desapareza. Ofrecerán datos orientados a que o ensino público quede peor.
"Non houbo nunca unha lei educativa que asuma que somos un Estado plurinacional"Queren desprestixialo?
Iso é. Os centros van ser analizados polos resultados do alumnado, non por como chegaron ou de que contorna social veñen. Póñoche un exemplo que uso moito: nunha carreira de cen metros lisos para coñecer o mellor velocista comprobas que todos saen do mesmo punto ao mesmo tempo.
Do contrario, xa sabes que gañará o que parta da posición máis ventaxosa. O que buscan é ensinarlle á poboación que o ensino público é malo para que acaben botándose ás rúas para exixir que se pechen escolas públicas e se abran máis concertadas.
Ningún comentario:
Publicar un comentario