O IDAE négalle unha axuda pública aos concellos de Santiago, Teo e Santa Comba por utilizaren o galego
O Instituto para a Diversificación e o Aforro Enerxético, (IDAE) , dependente do Ministerio de Industria negou unha axuda aos concellos de Teo, Santa Comba e Santiago por presentar en galego un dos informes requiridos na solicitude.
Permítense os responsábeis deste organismo público cualificar como acto de resistencia que funcionarios da administración pública municipal utilicen o galego para redixiren documentos, para xustificar a chantaxe de condicionar unha axuda pública á non utilización dunha lingua que segundo o propio Estatuto no seu artigo 5: é propia de Galiza; todos e todas teñen o dereito de a coñecer e a usar; os poderes públicos de Galiza garantirán o seu uso normal e oficial e potenciarán o seu emprego do galego en todos os planos da vida pública e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento; e ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua.
Lembramos que a chantaxe é unha forma de corrupción que ademais se agrava ao utilizar recursos públicos coa finalidade de facer valer posicións ideolóxicas dun racismo lingüístico e de odio á diversidade lingüística intolerábel en calquera marco democrático, máxime cando se trata de institucións públicas.
O racismo lingüístico ten consecuencias graves, neste caso a perda de millóns de euros públicos para a cidadanía de Santiago, Teo e Santa Comba, ao lle ser negada tanto a subvención como a posibilidade de aforrar en enerxía e destinar eses recursos ao seu desenvolvemento.
Situacións similares acontecen todos os días con cidadáns e cidadás anónimas vítimas de diferentes administracións, nomeadamente a estatal, que utilizan a súa posición de superioridade para negar a posibilidade de utilizar o galego de forma oral e/ou escrita.
Esta actitude xeneralizada vulnera o contemplado na Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas, tratado internacional ratificado polo Estado español en 2001, que no seu artigo 10 sinala que as autoridades públicas deben de : “a) garantir que as autoridades administrativas empreguen as linguas minorizadas e c) permitir ás autoridades administrativas redactar documentos nunha lingua minorizada”.
Estas actitudes non poden ser amparadas. Os responsábeis do IDAE deben demitir ou seren cesados porque non se pode consentir o manexo de diñeiro público por fanáticos contrarios á existencia da lingua e que utilizan organismos públicos para satisfacer as súas fobias contra linguas como a galega.
Ningún comentario:
Publicar un comentario