xoves, 4 de agosto de 2016

Tres de cada catro mulleres galegas en paro non perciben prestación

O número de persoas paradas sen protección aumentou en case 20.000 en Galicia desde que Mariano Rajoy accedeu á presidencia do Goberno do Estado en 2011, o que supón un incremento de practicamente o 10% (9,4) do número de desempregados desprotexidos. Así, e tendo en conta os últimos datos da EPA, no segundo trimestre deste 2016 hai no país case 160.000 persoas paradas (159.795) que non perciben prestación ningunha, o que equivale a unha taxa de protección do 28,3% na comunidade autónoma, onde arredor de un de cada catro parados percibe algunha achega.
O número de persoas paradas sen protección aumentou en case 20.000 en Galicia desde que Rajoy chegou á Moncloa
Son datos que se tiran dun novo estudo da Fundación 1º de Maio, elaborado por Enrique Negueruela, membro do Consello de Emprego, Economía Social e Relacións Laborais deste organismo. Nel, debúllanse as cifras para determinar a protección real da cidadanía sen traballo contrapoñéndoa á denominada taxa de cobertura -que basea a súa porcentaxe só nos parados rexistrados nas oficinas de emprego pero non na EPA nin en todas as persoas sen emprego- e que se situaría nuns trinta puntos máis. En xullo, esta taxa alcanzou en Galicia o 50% -un nivel récord polo baixo- fronte ao menos do 30% da protección real dos desempregados.
A taxa de protección en Galicia é do 28,3%, dez puntos menos que hai cinco anos
Se a taxa de cobertura -que tan só inclúe os demandantes parados apuntados nas oficinas de emprego e os eventuais do subsidio agrario que non figuran no cómputo do paro rexistrado- está a alcanzar niveis de precariedade máxima, máis aínda a de protección. No segundo trimestre deste ano, sitúase en Galicia nese 28,3%, 9,4 puntos menos que no mesmo período de 2011 e lixeiramente superior á media estatal (26,8%). De terse mantido a taxa de xusto antes da chegada do PP ao poder no Estado, agora mesmo habería en Galicia unhas 20.000 persoas máis protexidas.
TAXA DE PROTECCIÓN DE PARADOS EN GALICIA
Homes   2ºT 2011 2ºT 2015
  De 16 a 29 17,6% 9,5%
  De 30 a 44 43,7% 27,3%
  De 45 a 64 69,3% 52,2%
  Total 41,6% 32%
Mulleres      
  De 16 a 29 26,3% 10,9%
  De 30 a 44 33,8% 27,3%
  De 45 a 64 40,4% 31%
  Total 33,5% 24,3%
Ambos sexos      
  De 16 a 29 21,4% 10,2%
  De 30 a 44 38,5% 27,3%
  De 45 a 64 55,2% 42,7%
  Total 37,6% 28,3%
Esta desprotección afecta aínda máis as mulleres, cunha taxa oito puntos inferior á dos homes (24,3% fronte ao 32%), o que supón que menos de unha de catro galegas en paro percibe algunha prestación. Esta situación dáse en todas as franxas de idade menos nas máis novas, onde a situación dos homes é mesmo peor.
Tan só un de cada dez persoas mozas sen traballo en Galicia percibe algunha prestación
En global, a taxa máis baixa de protección en Galicia recae nos desempregados menores de 30 anos, xa que tan só un de cada dez (10,2%) percibe algunha prestación, fronte ao 21,4% de hai cinco anos. No país hai máis de 50.000 mozos sen prestacións e algo menos de 6.000 protexidos, o que dá conta da precariedade e nula cobertura da mocidade.
Na franxa entre os 30 e os 44, a taxa de protección aumenta un chisco ata o 27,3%, o que supón porén que hai case 65.000 persoas desta idade que non son perceptores de prestacións, e tras reducirse a protección en once puntos en tan só cinco anos.
Os maiores de 45 anos son os que contan cunha taxa de protección maior, pero aínda así algo menos de un de cada dous está protexido, ao tempo que as mulleres nesta franxa de idade teñen unha taxa 21 puntos inferior aos homes. En xeral, hai en Galicia máis de 40.000 persoas paradas maiores de 45 anos que non contan con prestación ningunha.
En Galicia, nove de cada dez persoas novas desempregadas, tres de cada catro mulleres e dous de cada tres homes están desprotexidos
En resumo, e tal e como destaca o informe, en Galicia nove de cada dez mozos desempregados, tres de cada catro mulleres e dous de cada tres homes están desprotexidos. Son case 160.000 persoas paradas sen prestación ningunha.
Enrique Negueruela, técnico de Emprego e autor do estudo, lembra que é o propio artigo 41 da Consitución o que "mandata os poderes públicos a garatir a asistencia e as prestacións sociais suficientes, especialmente no caso de desemprego".

EPA e paro rexistrado en Galicia

CC BY-SA Praza Pública

Ningún comentario:

Publicar un comentario