luns, 29 de agosto de 2016

Novas estratexias para as comunidades locais na rede

Con comunidades locais refírome ás redes sociais, foros e servizos similares de internet dirixidos a un público delimitado xeograficamente, como podería ser o caso galego, aínda que unha grande parte do que vou expor tamén se poda aplicar a outras comunidades de usuarios con intereses comúns. Como exemplo na rede galega teríamos Os Arquivos da Meiga, Cabozo, Chuza e algunha máis.

Estado actual

A orixe desas comunidades está habitualmente en voluntarios que as manteñen desinteresadamente. A principal motivación dos creadores e mantedores desas comunidades é simplemente disfrutaren delas e dos seus contidos. A súa viabilidade económica é complicada, este é un negocio de baixa rendibilidade. E isto non é só para este tipo de comunidades: pódese ver en casos coma o feche dunha rede social orientada a un público amplo coma Tuenti, que hai uns anos competía con Facebook case de igual a igual. Hoxe en día non se pode competir con Facebook ou Twitter, aínda que hai xente que o está intentando moi en serio. As comunidades locais deberían tentar complementar as grandes redes sociais, e ofreceren posibilidades que as grandes non queren ou incluso non poden ofertar.
Do mesmo xeito que non se poden ignorar esas redes sociais masivas, sería tamén un tremendo erro vivir completamente nelas. Os creadores de aplicacións para esas redes saben ben que cando crean aplicacións, o beneficio dese traballo irá nunha boa parte para a plataforma, non para eles. Ao mesmo tempo, os usuarios deben saber que os contidos que comparten nesas grandes redes sociais pasarán a seren administrados polas corporacións que as controlan. Se cadra non é un perigo aparente para a maioría dos utilizadores, mais ese control corporativo pódese comprobar cando se ocultan contidos de xeito unilateral sen dar ningunha explicación ou cando se dá prioridade a certos contidos sobre outros que teñen interese menor para a rede social corporativa.

Futuro

Para ben ou para mal a época romántica de internet acabou hai tempo1. Iso non quita que non existan posibilidades por explorar. Hoxe en día existen centos de proxectos de código aberto2 interesantes que se poden adaptar e personalizar para cubriren as necesidades existentes ou crearen novas posibilidades a nivel local. Iso implica en moitos casos contribuír a eses proxectos. Dar o paso de usuario a contribuínte é algo que nunca foi doado e no que se debería insistir nos próximos anos.
As contribucións aos proxectos comunitarios en internet non só poden ser de tipo técnico, existen outras maneiras de contribuír, como pode ser aportando contidos ou economicamente. E informar de erros no software tamén conta como contribución. O mellor cando se quere contribuír a unha rede comunitaria é dirixirse directamente aos seus xestores. Aínda queda por moito por facer para axudar a organizar esas contribucións.
Cada vez hai máis proxectos que interactúan directamente co mundo real. As novas tecnoloxías coma o Internet das Cousas e o BlockChain3 xa están aquí. Terán cada vez máis impacto nas nosas vidas e serán oportunidades que se poderán aproveitar para mellorar as condicións nas que vivimos. Tamén terán incidencia a nivel comunitario, ou polo menos están creando moitas expectativas. 
No caso da rede galega, entendo que se enfocou até o momento principalmente na lingua e na política local, ofrecendo principalmente opinión e información didáctica sen interacción. Ter eses servizos é bo, mais cómpre dar os pasos para cubrirmos un espectro máis amplo e facer que as nosas webs sexan servizos máis útiles para os usuarios. Servizos coma a inminente Quiniela Galega ou https://oque.gal son pasos nesa dirección, e creo que sería óptimo que xurdisen máis como iniciativas semellantes.
Que contemos con comunidades locais fortes dependerá máis do esforzo, tanto individual coma colectivo, a través de asociacións e grupos de usuarios que das administracións. E é bo que así sexa, xa que así se garante a independencia e sustentabilidade no tempo desas comunidades. Todos lembramos o que sucedeu con moitas webs que ofrecían servizos interesantes cando caeu o bipartito. Na medida en que apoiemos eses esforzos, teremos a rede galega forte que tanto precisamos. Só depende de nós.

1- Esta foi principalmente a época na que se a xente se conectaba ao chat do IRC para ligar coa veciña do lado, pero iso daría para toda unha serie de artigos á marxe deste.
2- O código aberto (aquí e aquí) é o modelo colaborativo de desenvolvemento de software máis empregado habitualmente na rede
3- A tecnoloxía que sustenta Bitcoin, que tamén pode ser empregada para usos nobres. Por exemplo: https://www.ethereum.org/

Manel Vilar

Ningún comentario:

Publicar un comentario