A coruñesa, que durante máis de dúas décadas traballou para axénciaa Efe, faleceu aos 59 anos vítima dunha longa enfermidade
Unha xornada moi dura para todas aquelas persoas que a querían. O mundo do xornalismo tivo que despedirse esta tarde da coruñesa Ana María Viqueira Amor, que ostentou o cargo de delegada de Efe en Galicia co aval dunha reconocidísima traxectoria profesional e cunha ampla bagaxe como reporteira política, un auténtico referente para a profesión.Sendo aínda moi novo, tras haberse formado na Complutense de Madrid, empezou a imaxinar e a parir boas historias, co seu paso polo Grupo Correo Gallego e por Editorial Prensa Ibérica (EPI), casa na que desempeñou cargos directivos e xa, posteriormente, coa súa chegada a unha axencia á que dedicou máis de dúas décadas e sobre a que lle gustaba comentar que se sentía "moi Efe".
A súa marcha da empresa foi anticipada, ao estar forzada por unha enfermidade, pero incluso neses momentos significouse como unha desas mulleres que saben á perfección onde reside a forza da razón, facendo uso dela, en moitas ocasións, coa súa palabra clara e sinxela.
Casada co xornalista Xosé Andrés Vázquez Hermida, compartía con el o feito de ser implacable na edición, sempre achegando un plus de amor polo traballo ben feito, procurando nese empeño un acabado perfecto. Unía igualmente a ambos o feito de non perder a tradición das "torres de papel", esas que outrora sempre tiñan o seu lugar nas mesas dos cronistas da "vella escola", os que son doutra pasta.
Nin Internet nin outras ferramentas a animaban a facer esa clase de limpeza e moito menos a extraviar os valiosos cartapacios, porque cando da dignificación dun oficio se trata xamais importa estar sepultado por distintos informes, faxes, documentos varios, nin por libros que axudaron a contar guerras e paces, alegrías e tristezas, fazañas e traxedias, ecos de sociedade e outros episodios de alcance.
Co seu falecemento este xoves en Compostela, xa emprendido a última viaxe de Ana Viqueira, que profesaba un inextinguible amor pola natureza, demostrable nunha avultada axenda viaxeira que rebentaba polas costuras, asómanse á mente uns versos de Mario Benedetti: "Unha muller espida e no escuro, ten unha claridade que nos aluma".
Co seu sorriso xeneroso, a súa natureza amable e expansiva e a paixón que sentía polos seus, Ana, que naceu un 17 de maio, Día das Letras Galegas, a gran festa do idioma, soamente viviu 59 anos, pero dedicou todos e cada un dos seus días a deixar testemuños escritos... por un mundo mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario