A Consellaría
utiliza o mes de agosto para modificar os concertos educativos do
curso 2016-2017 e crear 58 novas unidades concertadas.
O venres 12 de agosto, a Consellaría de
Educación publica no DOG unha orde pola que se modifican os concertos
educativos do curso pasado. A CIG-Ensino denuncia que, mentres a
Consellería continúa recortando profesorado, pechando escolas e
suprimindo unidades nos centros públicos e se nega a cubrir as demandas
feitas polos centros, segue a incrementar, un ano máis, o número de
unidades concertadas con centros privados. No curso que vén serán 58
unidades de nova creación fronte ás só 16 que se suprimen, é dicir un
incremento neto de 38 unidades, incrementando así os fondos públicos
para financiar empresas privadas.
A Consellaría recorre, outro ano máis, ao mes de agosto, para
facer público no DOG as modificacións dos concertos cos centros
privados, co obxecto de que pasen desapercibidos ao conxunto da
sociedade , por estar malgastando diñeiro público en beneficio de
interese privado, cando son múltiples e abondosas as carencias do
ensino público.
En Educación Primaria, a orde publicada recolle a creación de 11
unidades novas, mentres só se suprimen 7, por tanto, hai incremento neto
de 4 unidades concertadas máis, En Educación Especial son 6 as unidades
que se incrementan, non suprimíndose ningunha. Na educación infantil
créanse 4 e suprímense o mesmo número e na ESO créanse e suprímense 2.
Escandaloso o caso de FP, xa que se trata dun nivel educativo non
obrigatorio e a oferta de prazas é totalmente insuficiente no ensino
público. Isto non é óbice para se creen 20 unidade novas nos Ciclos
Medios, fronte a unha soa unidade suprimida, o que é un incremento neto
de 19 ciclos concertados. Nos Ciclos de Grao Superior, son 6 as
unidades suprimidas, fronte ás 15 incrementadas, é dicir, un incremento
neto de 9 unidades.
Entre os centros que resultan beneficiados están os que segregan
alumnado en función do xénero, unha aberración regularizada a través da
LOMCE e que a CIG-Ensino seguirá a denunciar, pois consideramos que é
inadmisíbel, por iso no seu día presentamos recurso, recurso que
gañamos, ao estimar o Tribunal Supremo que non se podían subvencionar
con cargo a fondos públicos este tipo de centros.
A CIG-Ensino denuncia esta política da Consellaría de Educación que, en
lugar de centrar os esforzos en manter e mellorar a calidade do ensino
público, dedica unha parte importante do orzamento de educación a
financiar centros privados, un financiamento que se incrementa ano a
ano, mentres os centros públicos teñen que aturar rateos superiores aos
máximos estabelecidos, a supresión de unidades e que non se atendan as
necesidades materiais e de profesorado.
Ante este atropelo e as irregularidades e fraude cometido na concesión
dalgúns destes concertos, a CIG-Ensino vai interpoñer recurso
contencioso administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de
Galiza contra esta resolución da Consellaría carente de motivación e
xustificación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario