venres, 5 de agosto de 2016

A verdadeira 'caixa finlandesa' inclúe axudas á crianza ata que fillas e fillos son maiores de idade

Nos últimos días a Xunta anunciou que neste preelectoral mes de agosto ía comezar a distribuír unha caixa de agasallos a cada familia na que naza unha filla ou fillo. Trátase, segundo declararon dende a Consellería de Política Social a La Voz de Galicia, dunha "adaptación" á "idiosincrasia" galega do lote que as familias de Finlandia reciben dende os anos 40 con cada nacemento. Nesta liña, nos últimos días diversos responsables do Goberno galego e do PPdeG trazan un paralelismo entre política de apoio ás familias do país nórdico e a combinación desta "caixa finlandesa" co 'cheque bebé' de 100 euros aprobado pola Xunta a finais do pasado ano para os nacementos de 2016, despois ampliado para os de 2017. No entanto, as diferenzas das axudas á natalidade e á crianza entre Finlandia e Galicia -e o resto do Estado español- son abismais.
Alén de que o propio contido da caixa presenta certas diferenzas -a finlandesa inclúe unha trintena de pezas de roupa que duran arredor dun ano, abondoso material de hixiene e mesmo pode ser reutilizada como primeiro berce- e o seu contido será máis escaso, esta axuda que en Finlandia é xa unha tradición supón unha parte practicamente residual do conxunto de apoios. A través do Kela -o organismo público equivalente á Seguridade Social que xestiona diversas prestacións, dende as familiares ata as estudantís, o desemprego ou as baixas por enfermidade- o Estado finlandés fornece subsidios materiais, económicos e licenzas laborais dende o nacemento de cada filla ou fillo e ata que chega á idade adulta.
O primeiro apoio é a devandita caixa, que as familias poden rexeitar recibindo a cambio 140 euros -opción pola que non opta o 95% das familias, segundo datos do Kela-. O pasado mes de xuño, por exemplo, recibírona 3.020 bebés. A continuación as mulleres embarazadas pódense acoller ao permiso de maternidade, que comeza entre 30 e 50 días laborables ou de cinco a oito semanas antes do parto e se estende ata catro meses. Para este período o Estado prevé un pagamento equivalente aos devanditos catro meses de traballo que, se a muller percibe un salario, é abonado á empresa na que traballa.
As familias de Finlandia perciben unha achega mensual de 107 a 150 euros por fillo ou filla ata os 18 anos
No momento do nacemento comezan o resto de axudas e permisos, entre eles os paternais. Cando nace a nena ou neno o pai pode solicitar unha licenza de ata 54 días laborables ou dunhas nove semanas. Pai e nai poden gozar de cadanseus permisos simultaneamente durante un máximo de 18 días laborables. Dende o momento do nacemento as familias perciben tamén o subsidio familiar. Trátase dunha achega económica mensual ata a maioría de idade -18 anos- que, segundo os datos máis recentes -do pasado xuño- ascende a uns 95 euros por nena ou neno para familias con un ou dous fillos ata uns 175 por fillo para familias numerosas. Actualmente percíbeno algo máis dun millón de menores de idade.
Cando a filla ou fillo rolda os tres meses as familias comezan a dispoñer dun novo permiso para o coidado de ata 158 días laborables -uns seis meses-. A partir dos nove meses, cando finaliza esa licenza, o Estado finlandés aplica as libranzas para o coidado de fillas e fillos. Ata que as crianzas van á escola pais e nais dispoñen de permisos laborais garantidos e ademais, de axudas económicas para o coidado que oscilan entre uns 100 e uns 300 euros ao mes e que poden ser achegados, por exemplo, para sufragar unha escola infantil -se non se accedeu a unha pública- ou o coidado por parte de familiares. No momento en que a nena ou neno se incorpora ao colexio, as autoridades do país contemplan tamén licenzas e axudas, pero parciais. Existen, ademais, subsidios para o pagamento dalgúns subministros básicos do fogar.
Esquema das principais axudas a familias con fillas e fillos en Finlandia ata os 3 anos de idade / Kela

As axudas en Galicia e no Estado

O conxunto de axudas dispensadas en Finlandia polo Estado, os concellos e as autoridades rexionais contrasta notablemente coas ofrecidas en Galicia dende os diferentes niveis da Administración, co permiso de maternidade de catro meses como, practicamente, única semellanza. O resto consisten en axudas puntuais e centradas, maioritariamente, en familias numerosas ou con moi baixos recursos. No caso dos pais, a licenza laboral é de 13 días ininterrompidos ou de 15 "en caso de partos múltiples ou de fillo con discapacidade", segundo o Ministerio de Sanidade. O pai pode asumir ata 10 semanas do permiso de catro meses da nai.
Alén das licenzas laborais, a Guía de Recursos para as Familias, editada pola Xunta, explica que as familias con baixos recursos teñen dereito a "un pagamento único" por cada filla ou fillo: 360 euros para o primeiro, 1.200 para o segundo e 2.400 e partir do terceiro, que non son compatibles con outras axudas. A Seguridade Social, pola súa banda, prevé un pagamento único de 1.000 euros para familias con poucos ingresos. Dende este 2016 achégase tamén en todos os casos a "tarxeta familiar" de 100 euros ao mes durante un ano para a compra de produtos de coidado do bebé.
O groso das axudas céntranse en deducións fiscais, se ben a Xunta vén destacando o incremento de escolas infantís, a "tarxeta benvida" e o "bono coidado"
Xunto a estas prestacións puntuais e os descontos para familias numerosas os principais beneficios sitúanse nas deducións fiscais na declaración da renda: os últimos van dos 300 aos 360 euros durante os tres primeiros anos de vida dos fillos e fillas, biolóxicas ou adoptadas. Se a familia reside nun concello de menos de 5.000 habitantes ou nun concello fusionado, a dedución sobe un 20%. Nas últimas semanas a Xunta vén salientando, asemade, o crecemento dun "76% de prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís" dende o ano 2009 e o denominado Bono Coidado, co que se compensará a atención "puntual" a nenos e nenas no fogar.
Case a metade da poboación de Finlandia ten menos de 30 anos
Alén de que, obviamente, as axudas públicas non sexan o único estímulo para ter fillas e fillos, o panorama de ambos territorios permite afirmar que Galicia aínda ten que percorrer un bo treito para achegarse neste eido, alén da caixa, a Finladia -Estado que, por outra banda, apenas supera o 9% de desemprego, segundo os datos máis recentes-. Alí, cuns 5,5 millóns de habitantes no peche de 2015, case 2 millóns teñen menos de 30 anos e deles, case 900.000 persoas son nenas e nenas menores de 14 anos. En Galicia, mentres, a poboación mingua e a base da pirámide demográfica cada vez se eleva máis. Os datos máis recentes indican que no país xa viven máis persoas maiores de 85 anos que menores de cinco.

Ningún comentario:

Publicar un comentario