Temos novos datos sobre
a empregabilidade favorecida polo afianzamento das novas Tecnoloxías
da Información e a Comunicación (TIC) e as súas posibilidades para
as empresas. A
información (Novos perfís profesionais dixitais nas empresas de
Galicia) vén da man do Observatorio da Sociedade da Información
(OSIMGA) adscrito a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de
Galicia (AMTEGA). O documento achega “unha visión actualizada
das oportunidades laborais vinculadas ao sector tecnolóxico e ás
novas profesións que están a xurdir na era dixital en Galicia”.
Segundo se fai saber no informe, o noso tecido económico precisa de
máis traballadoras/es TIC.
En concreto, necesitará
máis de 2.900 profesionais TIC en Galicia
durante o período 2016-2018. Un 54% destes perfís dixitais serán
demandados por empresas do sector tecnolóxico-dixital e o 46%
restante por empresas dos restantes sectores produtivos. A empresas
sinalan que xa no presente ano precisarían case a metade destes
perfís, arredor de 1.400 profesionais TIC especializados nas novas
tendencias dixitais, para cubrir as súas necesidades.
Segundo
o estudo as empresas TIC prognostican unha maior demanda de perfís
vinculados ao ámbito da mobilidade, datos masivos e intelixencia nos
negocios, á xestión administrativa e comercial, computación na
nube ou comercio electrónico, mentres que nas empresas non TIC
predomina a demanda de perfís profesionais relacionados coa xestión
administrativa e comercial, seguido en segundo plano por aqueles do
eido da mobilidade, datos masivos (Big
Data), ecommerce
ou mercadotecnia dixital.
O
informe, a maiores, reflicte que a oferta de profesionais dixitais en
Galicia non está a medrar ao mesmo ritmo que a demanda, tal e como
se desprende da evolución do número de matriculados en carreiras do
ámbito STEM (científico, tecnolóxico, en enxeñarías e
matemáticas), que pasou de 5.750 en 2010 a 5.177 en 2015 (o 9,2% do
total de alumnos/ as matriculados no Sistema Universitario Galego),
como do número de titulados no ámbito STEM, que pasou de 776
en 2010 a 753 en 2014.
O estudo, igualmente,
pon de manifesto as dificultades que as empresas galegas experimentan
á hora de encontrar profesionais TIC cos coñecementos e experiencia
de interese para a súa organización. As empresas do eido
tecnolóxico-dixital galego son as que maiores problemas declaran,
para máis do 70% delas resulta difícil ou moi difícil atopar
perfís axeitados. Os principais atrancos
sinalados polas empresas á hora de encontrar o persoal TIC máis
acaído son o descoñecemento en aplicacións, ferramentas e
tecnoloxías de interese para a empresa; e a carencia de candidatos
con experiencia na actividade sectorial que desenvolven. Ademais, a
metade das empresas do Sector TIC considera que existe unha carencia
de candidatos formados en Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario