A Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza presentou unha demanda contra a Consellaría de Cultura por incumprir as obrigas legais a respecto do patrimonio desta cova de Triacastela, máximo expoñente do Paleolítico de Galiza.
Adega levou a Xunta aos tribunais por non iniciar nin tramitar en tempo e forma o expediente de declaración da Cova de Eirós (Triacastela) como Ben de Interese Cultural (BIC) . “Non atopamos outra saída máis que a demanda xudicial”, recoñecen desde o colectivo “para obrigar á Consellaría a cumprir coa súa obrigación na protección deste importantísimo xacemento galego de relevancia internacional e máximo exponente do Paleolítico de Galiza”. Falamos con Adela Figueroa, bióloga e fundadora de Adega.- En que pode acabar a demanda contra a Xunta? En que agardades que se concrete finalmente este proceso?
- En realidade o único que pedimos é que a Xunta cumpra a lei, por iso presentamos un contencioso. A lei establece ben clariño que todas as covas con pinturas rupestres, e na de Eirós hainas, son automaticamente Ben de Interese Cultural (BIC). Tamén fixa a lei que mentres non se incoe o expediente BIC a distancia de seguridade que se establece é de 200 metros e aí dentro non se pode actuar. Pois ben, a empresa que traballa nesa zona está a traballar dentro desa franxa de seguridade, está a traballar a 50 metros da cova. E en todo este tempo, a Xunta continúa sen cumprir a lei, sen iniciar o expediente para declarar BIC a cova.
Non se pode concebir que a administración galega machaque un paisano se corta un ameneiro e sen embargo non aplique a lei para protexer un patrimonio único- Polo que di semella que non ten moito interese en dar ese paso
- Nunha sesión organizada polo Consello da Cultura Galega sobre a Cova de Eirós, os arqueólogos participantes recoñecen que os únicos que nos movemos para que este patrimonio sexa BIC somos os de Adega, iso xa di moito. Dou por sentado que na Xunta non están a facer nada ao respecto. Non dan o paso que teñen que dar, que é incoar o expediente para un plan de tratamento do BIC da Cova de Eirós. En todo isto non debemos esquecer a propia responsabilidade da alcaldesa de Triacastela [onde está a Cova de Eirós] en todo isto, porque o Concello é o principal responsábel.
A Cova de Eirós é a única en Galiza que ten pinturas rupestres. Estivo con presenza humana ao longo de 150.000 anos, ten o maior depósito de osos das cavernas, alí hai restos dunha fauna riquisima, como os leóns das cavernas...
É a única en Galiza que ten pinturas rupestres. Estivo con presenza humana ao longo de 150.000 anos, ten o maior depósito de osos das cavernas...- Por que cre que a Xunta non dá o paso para protexer a Cova de Eirós?
- A responsabilidade está aquí, en Galiza. A empresa que explota a zona onde está a cova pertence a unha macrocompañía brasileira, Votoranrim, que ten unha actividade benefactora moi importante anquel país: ten banco para obres, centros de ensino... Pois ben, contactamos con eles a través da asociación de arqueoloxía do Brasil e mantivemos 2 video-conferencias con eles. Comprometéronse a restaurar os danos xerados por unha actuación que danou o teito da Cova, e que denunciamos e tiveron que parar os traballos. E tamén se comprometeron a seguir os mandatos da Xunta sobre este patrimonio. Mais non os hai! Porque a Xunta non incoa expediente BIC! O da Xunta a respeito da Cova de Eirós é de vergoña mundial. Ten que cumprir a lei! Non se pode concebir que a administración galega machaque un paisano se corta un ameneiro e sen embargo non aplique a lei para protexer un patrimonio único.
- Cres que o da Cova de Eirós exemplifica a actitude do goberno galego para co patrimonio galego?
- Esta Xunta ten desprezo pola cultura galega, un desprezo absoluto, estórballe. Nós fomos reunirnos cos grupos parlamentares para explicarlles a situación e entregamos unha petición para que se debatese no Parlamento. O BNG pediu en 2014 que se declarase BIC e AGE presentou preguntas parlamentares sobre o que acontecía alí. Desde o PSdeG apoiaron as nosas demandas. O do PP foi outra historia. Recibiunos daquela o que agora é Conselleiro de Cultura, que nos dixo que en Galiza había moita historia, contándonos que cando ía á súa aldea os veciños xa lle dicían que case non se podía mover o tractor por se danabas un castro.
ADELA FIGUEROA, ADEGA
Ningún comentario:
Publicar un comentario