venres, 12 de agosto de 2016

“A lingua de signos galega está condenada a desaparecer”

Cristina González Abelaira, profesora da Universidade de Santiago, alerta de que "a variedade galega de lingua de signos non contou co apoio necesario para o seu recoñecemento" e explica o proceso de imposición do sistema en español. Pola contra, en Cataluña gozan da súa propia linguaxe de signos, recoñecida oficialmente.

No Estado español só existen dúas linguas de signos recoñecidas oficialmente: a castelá e a catalá. Logo dunha reivindicación histórica por parte do colectivo xordo, a lexislación admitiu a existencia destas dúas linguas de signos. A Lei 27/2007, do 23 de outubro, recoñece estas dúas linguas e regula os medios de apoio á comunicación oral das persoas xordas, con discapacidade auditiva ou xordo-cegas, así como o dereito a aprendelas e usalas xunto con outros medios de comunicación orais. Porén, o galego segue inédito no sistema de linguas de signos recoñecidas oficialmente. Por isto, Cristina González Abelaira, profesora do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pregúntase se é posible o recoñecemento oficial dunha lingua de signos galega (LSG) e alerta de que esta variedade "está condenada a desaparecer" pola falla de apoio.
Nun artigo publicado no novo número da revista Estudos de Lingüística Galega da USC, a profesora alerta de que "nin a administración, nin o movemento asociativo [...] desenvolveron, ata agora, ningunha política revitalizadora encamiñada á recuperación da variedade galega", que foi reducida por unha política que deu a oficialidade en exclusiva en Galicia á lingua de signos española (LSE).
"Tras unha primeira fase na que a política lingüística nacional se caracterizou polo monolingüismo en castelán, ó redor da cal xirou a educación lingüística das persoas xordas; parece que se aplicou, con respecto ás linguas de signos, unha política de asimilación lingüística", explica no seu artigo Cristina González Abelaira, quen prosegue: "Así, en Galicia, a día de hoxe, está estendida a LSE, que é a que se utiliza de maneira oficial en todos os ámbitos, a que transmiten as asociacións de xordos galegas e a que adoptou a FAXPG [Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia] de maneira oficial".
A situación de case inexistencia dunha lingua de signos galega ten difícil solución mentres, por exemplo, os intérpretes de lingua de signos formados nas aulas galegas, a través do ciclo superior de Técnico en Interpretación de lingua de signos, sigan empregando "exclusivamente a variedade española", argúe a profesora da USC.
SIMILITUDE COAS LINGUAS ORAIS
González Abelaira sentenza que se pode afirmar que "o que sucedeu en Galicia coas linguas orais, entre o castelán e o galego, reproduciuse coas linguas de signos, xerando así unha relación asimétrica entre a lingua de signos maioritaria, a española, e as outras variedades, neste caso, a galega".
"A lingua de signos galega considérase inferior e é relegada ó seu uso en asociacións de xordos locais ou en contextos illados".
Segundo a profesora, na situación de contacto lingüístico entre estas dúas variedades, "formúlase un proceso xeral de substitución lingüística, posto que unha das variedades, a LSE, está recoñecida legalmente e goza de maior prestixio a nivel social, mentres que a outra, a LSG, considérase inferior e é relegada ó seu uso en asociacións de xordos locais ou en contextos illados".
Esta situación diglósica conduce, segundo explica González Abelaira, á desaparición da variedade inferior.
Para a autora, o papel dos intérpretes tamén foi "decisivo" no influxo da lingua oral sobre a lingua signada, "ó contribuír a acercarlles ás persoas xordas os contidos (conceptos e estruturas) partindo da lingua oral".
Por último, "a necesidade de incorporar as linguas de signos ó mundo cultural, educativo, científico ou político esixiu unha adaptación urxente que se deu de maneira global e non como froito reflexivo de cada comunidade lingüística autonómica", xerándose unha "profunda renovación do léxico da lingua de signos" nun "proceso planificador" no que "non se respecta a diversidade lingüística, xa invisible anteriormente froito do oralismo imperante", comenta a profesora.
"Os signos propios da lingua de signos galega foron considerados signos antigos e foron desprezados".
De xeito similar ao que ocorre na linguaxe oral e escrita, "os signos propios da lingua de signos galega ou LSG foron considerados signos antigos e foron desprezados fronte a outros máis innovadores chegados da capital", describe a profesora.
"A oralización en castelán foi froito dunha planificación que tiña como eixo principal o monolingüismo e como protagonistas os educadores e outros profesionais, na súa maioría oíntes. Nunha segunda fase, é o colectivo xordo o que se erixe como protagonista do proceso, pero en Galicia séguese a proposta que a CNSE [Confederación Estatal de Personas Sordas] lidera en Madrid", explica a autora do artigo.
Entre os criterios que conducen á recesión da variedade galega, sitúa en primeiro lugar o cambio de modelo educativo que se desenvolveu en Galicia, ó igual que no resto de España, a partir da publicación da LOXSE en 1990. "A inclusión do alumnado xordo en centros ordinarios supuxo a súa dispersión en diferentes colexios e, polo tanto, a desmembración da comunidade signante formada ó redor das escolas. Este factor e, en xeral, o proceso planificador descrito foi o que ocasionou a súa recesión", relata a autora.
COMPARACIÓN CO CASO CATALÁ
González Abelaira sitúa o xurdimento dunha nova lingua de signos galega arredor de 1864, cando se fundou o colexio de xordos santiagués, o primeiro en Galicia no ano 1864. E salienta o labor da revista As nosas mans —creada pola Asociación de Persoas Xordas de Santiago de Compostela e subvencionada pola Xunta de Galicia— e do Centro de Formación e Recursos do Profesorado (CFR) de Ferrol, formado na súa maioría por especialistas de audición e linguaxe, e que elaborou diferentes materiais para traballar con persoas xordas no ámbito educativo, entre o que destaca o Dicionario de Lingua de Signos Galega ou DILISGA.
Porén, "a variedade galega de lingua de signos non contou co apoio necesario para o seu recoñecemento e hoxe en día está condenada a desaparecer; de feito, unha parte importante da comunidade segue cuestionado a súa existencia", escribe Cristina González Abelaira.
A lingua de signos catalá é oficial en Cataluña dende o ano 2006, a partir do Estatuto de Autonomía.
O caso galego contrasta coa boa saúde da que goza a lingua de signos catalá, oficial en Cataluña dende o ano 2006, a partir da publicación do seu Estatuto de Autonomía. Ademais, foi reforzada coa Lei 17/2010, de 3 de xuño, da lingua de signos catalá (LSC). "Porén, nin no ámbito autonómico, nin no estatal se recoñeceu oficialmente unha lingua de signos galega", advirte Cristina González Abelaira.
"Todo apunta a que a diferenciación soamente de dúas linguas de signos no Estado español non atende a criterios lingüísticos internos, senón máis ben políticos e sociais", denuncia a profesora de Lingüística, baseándose nunha análise histórica e émica do proceso de planificación lingüística en Galicia a través dunha metodoloxía etnográfica, o cal "permite observar como se organizou a diversidade lingüística na comunidade e lévanos a concluír que tras a oralización en castelán do colectivo xordo, buscouse unha uniformización lingüística que conduciu á falta de recoñecemento das diferentes variedades lingüísticas, entre elas a galega.
Segundo esta experta, a oficialidade que a Lei 27/2007 outorga á LSE en Galicia e no resto de España, agás en Cataluña, "deu lugar á asimilación lingüística das variedades minoritarias, entre elas a galega, á variedade lingüística española, a cal acadou un novo status e maior prestixio".
"SITUACIÓN DE RECESIÓN"
Pero a situación de involución da lingua de signos galega non debería sorprender agora a ninguén. González Abelaira lembra que xa "no ano 2008, no que se edita a revista As nosas mans, un ano despois do recoñecemento oficial de dúas linguas de signos españolas, a LSE e a LSC, xa se considera a situación de recesión á que está condenada a LSG, pola crecente presenza da LSE en todo o ámbito estatal e dentro da comunidade xorda e polo seu recoñecemento por parte da comunidade oínte".
Ademais, o asociacionismo dende Galicia con outros colectivos xordos de España determinou "unha maior uniformidade lingüística, en detrimento das formas de cada territorio", aporta a profesora da USC.
En Galicia existiu unha lingua de signos diferente a outras na Península Ibérica e aínda que todavía é unha lingua viva, pódese considerar en perigo de extinción. O certo é que nós, tras facer unha busca en Google sobre "lingua de signos galega" só recibimos 702 resultados no maior motor de busca de información que existe; unha proba máis da precaria saúde da LSG.

Ningún comentario:

Publicar un comentario