Os responsábeis de Tropa Verde, a iniciativa do
Concello de Santiago e a empresa Teimas para recoñecer (con premios
reais) o traballo ben feito da cidadanía en materia de colaboración
co Punto Limpo (favorecendo o correcto subministro e tratamento de
obxectos desbotados), veñen
de introducir unha serie de novidades na páxina web de seu.
Estas novidades “comparten” a arela de procurar un site
máis sinxelo e informativo e partillan o obxectivo común de
contribuír a que o espírito de reciclaxe dos composteláns suba
aínda novos chanzos. En primeiro lugar, a través delas, calquera
novo membro da Tropa Verde recibirá un correo de benvida con
ligazóns directas á recompensas e patrocinadores. Con isto,
preténdese facilitar e agradecer o uso da web e do sistema de
reciclado e troco de recompensas.
Ademais, introducíronse comunicacións de novos
incentivos-agasallo (tanto dos patrocinadores que acompañan a Tropa
Verde dende os seus comezos, hai máis dun ano, como de aqueles que
se subiron ao carro máis recentemente), un boletín semanal de novas
(informacións de interese para a cidadanía que pretenden ser de
axuda no labor da reciclaxe, informar de concursos e actividades
relacionadas co medio ambiente) e un novo deseño dos cupóns dos
premios (máis información, estética máis atractiva, explicacións
coas instrucións para trocar cupóns, caducidade, enderezo, horario,
contacto do patrocinador e normas do cupón).
Igualmente, aplicáronse medidas para diminuír o
gasto de papel (os cupóns serán enviados aos correos dos usuarios
en formatos PDF) e outras para facilitar a información á veciñanza
(por exemplo listaxes de recompensas máis sinxelas). Tamén se
incorporou (entre outras cousas) un buscador para acharmos agasallos
e unha opción para poder marcar (ou non) como favoritos determinados
incentivos.
A iniciativa Tropa Verde, que como lembraremos
obtivo este ano en Madrid unha importante distinción de mans da
Fundación Fórum Ambiental, diríxese a recoñecer o compromiso da
cidadanía co medio ambiente e coa xestión sostíbel de refugallos
(electrónicos e eléctricos, pero tamén de outros moitos tipos).
Trátase pois de salientar os esforzos das veciñas e veciños a prol
da reciclaxe e o tratamento axeitado das cousas que xa non usan e que
se poden reutilizar. O proxecto púxose en marcha na significativa
data do 17 de maio (Día da Lingua) do ano pasado e foi concibido
como un xogo responsábel cunha contorna ben concreta (as rúas de
Compostela) e con recompensas a xeito de descontos e premios nos
comercios e a hostalería local. Para facilitar a entrega destes
residuos, o Concello de Santiago e Urbaser achegan os puntos limpos
de Piñor e do Tambre, e o Punto Limpo Móbil. Tamén colaboran os
centros socioculturais.
Tropa Verde conta co patrocinio
de diversos establecementos do municipio, que ofertan recompensas.
Estas van dende descontos en tratamentos de saúde ou menús e
consumicións, ata agasallos sorpresa.
Ningún comentario:
Publicar un comentario