venres, 28 de xuño de 2013

As Xuventudes Socialistas de Galicia esixen a Wert a retirada do decreto que rouba o futuro de 85.000 mozos e mozas

Os mozos e mozas socialistas difundiron un novo vídeo baixo o lema #NoTeQuieroWert “para esixir a retirada inmediata do Real Decreto sobre becas”

O secretario xeral, Aitor Bouza, salientou que esta modificación supón “un ataque sen precedentes á igualdade de oportunidades e á equidade educativa no noso país”

 
As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) esixiron novamente ao Ministro de Educación, Cultura e Deporte, José Ignacio Wert, “a retirada inmediata do Real Decreto sobre Becas que ten prevista a súa aprobación este verán e que supón un grave recorte no número de bolsas e na cantidade das mesmas”.

O secretario xeral das XSG, Aitor Bouza, salientou que “é inadmisíbel a división que pretende facer Wert á hora de garantir un futuro académico e profesional a milleiros de alumnos”. “Non podemos consentir que se deixe sen bolsas aos alumnos que máis as precisan por ter un 6,4 xa que as bolsas deben ter en conta as condicións económicas do estudantado”.

Os mozos e mozas denunciaron que “nun momento de crise económica como o actual, o noso ministro de Educación dedícase a pór trabas ás familias que por mor da xestión nefasta do Executivo do PP non ven solución a súa delicada situación económica”.

A Organización anticipou que “as nosas críticas e propostas non cesarán até que Wert deixe de formar parte do Goberno”. “O Ministro de Educación nin escoita, nin coñece a situación de miles de mozos e mozas que están no límite de seren expulsados da Universidade por impagos”.

Bouza concluíu afirmando que “é intolerábel que o ministro de Educación dun país democrático participe da privación da educación universitaria a miles de mozos e mozas que se verán abocados á pescuda de emprego en desigualdade de condicións”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario