venres, 21 de xuño de 2013

O recorte imposto por Wert nas bolsas achega o perigo de "elitización" das universidades

“Está habendo moitos problemas coas matriculacións e vai haber máis. Está habendo moita xente que en segundo ou terceiro está tendo que deixar os estudos. Camiñamos cara á elitización da universidade, de xeito que só cheguen a ela aquelas persoas cunha determinada capacidade económica. Están facendo unha criba incrible”. Mercedes Alonso, do STEG, amosa a súa preocupación polo novo recorte das bolsas de estudo proposto polo Ministerio de Educación. Non é a única. Todos os colectivos da comunidade educativa rexeitan a proposta gobernamental, dende os estudantes, primeiros afectados, até os profesores ou os pais e nais, e mesmo os centros de ensino privados ou as entidades confesionais.
O Sindicato de Estudantes calcula que hai máis de 30.000 alumnos ao borde da expulsión en toda España ao ser incapaces de pagar a súa matrícula
O Sindicato de Estudantes calcula que hai máis de 30.000 alumnos ao borde da expulsión en toda España ao ser incapaces de pagar a súa matrícula. E a situación pode agravarse o ano que vén. José Ignacio Wert recoñeceu no Senado que o número de bolseiros descendeu o último curso en 18.840 alumnos. E o investimento en bolsas de estudo que en 2011 chegara a ser de 1.600 millóns de euros, máis do dobre que en 2004, roldará os 1.200 millóns en 2013, ao tempo que segue aumentando o número de estudantes, como destaca un docmento que a Liga Estudantil Universitaria vén de pendurar na súa web.
Este martes o borrador do Decreto de Bolsas e Axudas ao Estudo que prepara o Goberno foi rexeitado de forma unánime polo Consello Escolar do Estado, que propuxo 28 modificacións, o que significa practicamente unha emenda á totalidade. O Ministerio busca rebaixar as contías fixas das bolsas de 3.500 euros a 1.500. Un estudante podería recibir como moito 3.000 euros (sumando renda e residencia) cando as bolsas salario, que agora desaparecen, van dos 3.800 aos 6.000 euros. Wert defendeu que non se trata dun aforro, posto que o remanente "irá ás axudas variables", que premiarán "un rendemento acorde á importancia do esforzo que a sociedade realiza neles".
O ditame do Consello Escolar do Estado pide a retirada de todo o articulado referente ás esixencias académicas para acceder ás bolsas. Entende que son "excesivas"
Ao tempo endurécense os requisitos académicos para obter unha axuda ao estudo. Por exemplo, o decreto sinala que "quen se matriculen por primeira vez de estudos oficiais de Grao deberán acreditar unha nota de acceso á universidade de 6,50 puntos", cando até agora o esixido eran 5,50 puntos. Ademais, os solicitantes de segundos e posteriores cursos de ensinanzas universitarias deberán ter superado nos últimos estudos cursados o 100% dos créditos ou o 85% no caso das carreiras técnicas. O decreto rebaixa o listón até o 80-90% no caso de que a nota media supere os 6,50 puntos. De igual xeito, os estudantes que obteñan estas bolsas están obrigados a devolvelas se non chegan a aprobar cando menos a metade dos créditos nos que se matricularan. O ditame do Consello Escolar do Estado pide sinxelamente a retirada de todo o articulado referente ás esixencias académicas para acceder ás bolsas. Entende que son "excesivas" e supoñen "endurecer aínda máis os requisitos académicos con respecto aos que se estableceron o curso pasado", e que tamén foron rexeitados polo Consello.
“Hai que ter en conta a situación na que está o pais. Canto máis falla fan este tipo de axudas estes máis as recortan"
“Hai que ter en conta a situación na que está o pais. Canto máis falla fan este tipo de axudas estes máis as recortan. É incrible o que se retrocedeu con respecto ao sistema de bolsas que había nos anos oitenta", denuncia Mercedes Alonso. Hai unhas semanas a Xunta anunciou que as taxas universitarias non subirán en Galicia o vindeiro, o que foi moi salientado polo Goberno galego. Pero a representante do STEG é máis escéptica: "non son só as taxas, hai outros moitos gastos. Ademais, de que serve que non suban as taxas se se reducen as bolsas?" e relaciona esta medida con outras adoptadas pola Xunta, coma a retirada de axudas para os comedores escolares: “Din que queren que pague máis quen máis ten. Perdoa: para iso están os impostos. A redistribución ten que facerse nos impostos, non na prestación de servizos”.
“Isto de que os fillos dos obreiros cheguen á universidade lévano fatal”
Mercedes Alonso lembra que “non todo o alumnado ten os mesmos medios e non se trata só da capacidade económica das familias senón doutros factores que introducen dificultades engadidas para os estudantes. Nin sequera nunha boa situación económica e persoal é doado sacar un curso limpo e non todo o mundo ten as circunstancias axeitadas para obter boas notas. A esas persoas non lles podemos poñer un novo obstáculo. E o sistema público ten que garantir esa igualdade de oportunidades”. “Isto de que os fillos dos obreiros cheguen á universidade lévano fatal”, conclúe, ao tempo que se amosa pesimista sobre o futuro inmediato: "teñen maioria absoluta e dálles igual todo, van tirar para adiante, como coa LOMCE. Ao final vai pasar como coa LOCE de Aznar, que só se puido evitar unha vez que o PP perdeu as eleccións".

Pobres?

Este martes no Senado o ministro Wert tachou de "anticuada" a palabra pobres que utilizou o senador socialista Francisco Álvarez da Moza nunha interpelación.
Este martes no Senado o ministro Wert tachou de "anticuada" a palabra pobres que utilizou o senador socialista Francisco Álvarez da Moza nunha interpelación. E negou que se lles esixa máis aos estudantes con menos recursos: "Esíxeselles, de xeito sinxelo, que estuden". Xa causaran polémica outras declaracións do ministro cando dubidou, hai unhas semanas, de que moitas familias non puidesen facer fronte ao pago das taxas universitarias tras un aumento de máis de 500 euros de media no conxunto do Estado. "Pódense dar casos, ¿pero non ter recursos que quere dicir? Que non se queren dedicar recursos a iso, en detrimento de usar recursos noutras cousas".
Debe chegar ao Consello de Ministros canto antes, xa que ten que ser aprobado como moi tarde a principios de xullo para que se poidan convocar as bolsas en agosto
O pau do Consello Escolar do Estado é só o primeiro obstáculo ao que se enfronta o Real Decreto de Bolsas e Axudas. Este mércores será a quenda da análise da Conferencia Sectorial, onde poden poñerse en evidencia as reticencias dos conselleiros de varias comunidades autónomas. E esta mesma semana pasará tamén polo Consello de Universidades e a Sectorial de Política Universitaria. As recomendacións que incorpore o texto final son cousa do Ministerio. En calquera caso, debe chegar ao Consello de Ministros canto antes, xa que ten que ser aprobado como moi tarde a principios de xullo para que se poidan convocar as bolsas en agosto. Un mal momento para as mobilizacións dos  e das estudantes, como recoñece Samuel Ben Conde (membro da Liga Estudantil), concentradas estas semanas nos exames e que en xullo irán abandonando os centros universitarios.

Ningún comentario:

Publicar un comentario