Na representación dun xuízo, ás portas de San Caetano, o artífice da LOMCE e o conselleiro de Educación foron desleixados das súas funcións polas "agresións" ao ensino público, á lingua e a "entrega ao Opus Dei".
Nun xuízo popular ao aire libre e aos pés de San Caetano, o artífice da LOMCE e os seus ‘secuaces’ foron confrontados coas acusacións da Plataforma galega en defensa do ensino público. Tras unha mesa con solemne tapiz vermello, a xuíza instrutora do caso presidía un abarrotado acto repleto das camisolas celestes que rexeitan a reforma educativa.A resolución deu a razón aos denunciantes, condenando o ministro Wert e o conselleiro de Educación a abandonar as súas funcións en aras da súa “manifesta incapacidade”. A vitoria do pobo foi celebrada con música e cantos, após un longo xuízo no que os poderes fácticos que controlan o país ficaron en evidencia.
O primeiro en declarar foi o concelleiro de Educación, Jesús Vázquez, interpretado por un cabezudo embutido en traxe e garabata. Entre os apupos d@s asistentes, o máximo mandatario do ensino na Galiza amosou o seu apoio á cruzada do ministro para eliminar o galego das escolas, “unha lingua innecesaria que supón un estorbo para o avance da humanidade”, reivindicou o conselleiro. A seguinte quenda foi para o cabezudo do ministro Wert quen, tras fundirse nunha cariñosa aperta con Vázquez, cantou con arroubo: “Españolear, españolear, es lo que nos mola al Partido Popular […] con los galleguitos vamos a acabar”.
A seguinte intervención veu de man dun cardeal que, en nome do Opus Dei, agradeceu ao ministro o seu empeño para facer rezar nas escolas e “adoutrinar” @s nen@s nas ensinanzas da igrexa, “que vela polo matrimonio” e por facer as mulleres obedientes e submisas cos seus homes. Tamén houbo loas para as subvencións aos centros que segregan por sexos, mais o cardeal pediu ao ministro unha nova demostración de fe: “Aumente as horas de Relixión e convértaa en materia obrigatoria”, insistiu o ilustre católico.
O seguinte en saír ao ‘estrado’ foi un home con gafas escuras, traxe e maletín que representaba á patronal do ensino privado. As súas verbas clamaron a prol da “capacidade de entrega” de Wert, sendo que coa súa lei “por fin, cos cartos de todos imos facer o que queiramos”. Visiblemente emocionado, reivindicou facer do creacionismo a base da docencia “para demostrar a superioridade dos europeos brancos!”.
Imputado por españolizador
Porén, a xuíza instrutora chamou a declarar á Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e, entón, o devir do xuízo torceuse. “En nome do profesorado, as nais e pais e o alumando galegos”, o secretario xeral da CIG Anxo Louzao, pronunciou unha serie de acusacións contra o artífice da ‘Wert-goña’:
“Acuso ao ministro de promover unha lei uniformizadora e españolizadora, de inimigo do idioma, de impedir o estudo da nosa lingua e cultura, de liquidar a xestión democrática dos centros, de impor as direccións, de desprezar o traballo dos docentes, de eliminar a liberdade de cátedra, de prácticas clientelares, de elaborar unha lei ao servizo do ensino privado concertado, de adoutrinamento relixioso, de seguir os ditados do Opus Dei, de subvencionar os centros que segregan por razón de xénero, de ordenar a educación baixo os criterios da lei de mercado, por promover os centros de elite e vetar o dereito á educación das clases populares, por unha lei retrógrada e de extrema dereita que comporta exlusión social e porque a LOMCE é clasista, españolizadora, reaccionaria, antidemocrática e confesional”, defendeu Louzao nun acalorado discurso.
Condenados a retirar a LOMCE
Oídas as partes, a xuíza instrutora ditou sentenza: “Condeno o conselleiro e o ministro a abandonar o sistema educativo e a afastarse dos labores de goberno pola súa manifesta incapacidade e agresión ao ensino público, polo odio ao noso idioma e á nosa cultura galega e pola entrega ao Opus Dei”. Alén diso, a maxistrada obrigou aos procesados a recuar nas súas políticas e, en definitiva, a resolución foi rotunda: “Condénoos a retirar a LOMCE”.
A vitoria (ficticia) do pobo sobre o poder foi recibida con entusiasmo polo auditorio e, após os aplausos e os berros que clamaban “xustiza” e “LOMCE non”, os músicos presentes deron entrada a unha canción satírica que, coa melodía da popular “O galo cando canta é dia”, pechou un fermoso acto que, ogallá, algún día, poida tornar en realidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario