O encontro terá lugar esta semana e quere cubrir as necesidades das súas familias nas vacacións estivais - Os servizos sociais ampararanse no Banco de Alimentos.
A dicir verdade, o colectivo O Mencer é o único que poñerá en marcha unha iniciativa específica durante os meses estivais. Durante a presente semana, a asociación que preside Rocío Díaz manterá un encontro coas Anpa dos oito centros de ensino do concello lalinense, para que estas lle indiquen cantos nenos son máis susceptibles de necesitar alimentos durante as vacacións escolares. O tesoureiro desta asociación, José Luis Factor, explica que entre as posibilidades que manexou o colectivo foi contactar cos directores dos centros para ver se, ao final de curso, lles podían ceder os alimentos perecedoiros que sobraran nos comedores.
O labor do Mencer chega a unha trintena de familias, a maioría delas residente na cabeceira comarcal aínda que tamén se atenden demandas de Vila de Cruces e Agolada. Onte, como todos os luns, voluntarios da asociación fixeron a repartición mensual entre estes beneficiarios, no seu local da rúa Manuel Rivero. Os alimentos proceden de doazóns particulares e tamén dos produtos que lles entrega Eroski todos os luns e venres e cuxa data de caducidade está próxima. "Durante os próximos meses, priorizaremos as entregas a familias con nenos de curta idade", explica Factor, quen recorda que haberá unha poxa de obxectos no restaurante Villanueva o día 29, con cuxos fondos se comprarán máis alimentos, ademais da campaña do Nadal que organiza coa colaboración do Pontiñas Centro Comercial e de Ocio.
O labor do Mencer resulta clave no concello máis poboado de Deza, posto que en Lalín outras 189 familias con escasos recursos se atenden dende a área de Servizos Sociais. Tamén con vistas a abastecer os máis necesitados durante as próximas semanas, o Concello de Lalín recibirá a metade de todos os produtos que se doen no Hipermercado Eroski durante este fin de semana, dentro da Operación Quilo que organiza o Banco de Alimentos Provincial. A iniciativa solidaria palía as necesidades de determinadas familias como as numerosas ou monoparentais, ademais das persoas maiores que viven soas. Son 500 habitantes os que se encontran nesta situación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario