A comunidade dezana divídese entre o labor social da Igrexa e a consecución do estado laico que recolle a Constitución - Movemento Dezao prepara novas protestas.
Dende hoxe e durante as dúas semanas que quedan para que remate o curso escolar o ministro de Educación, José Ignacio Wert, manterá unha rolda de contactos cos partidos políticos para achegar posturas respecto á Lei Orgánica para a Mellora da Calidade Educativa (Lomce). A norma pasou a criba do Consello de Ministros o pasado maio e non entraría en vigor ata o curso 2014-2015. Pero o texto levantou máis dunha polémica na comunidade educativa, e non só por reinstaurar as reválidas, marxinar os idiomas cooficiais ou favorecer o ensino privado.A Ley Wert equipara a materia de Relixión a materias troncais como Lingua ou Matemáticas, posto que contará á hora de pedir bolsas ou de ter que repetir curso. Non será obrigatoria, é máis, o alumno pode escoller Relixión e a materia alternativa -Valores Culturais e Sociais en Primaria e Valores Éticos en Secundaria-. Dende o Movemento Dezao polo Ensino Público, o seu vogal Xosé Manuel López admite que a relixión católica "ten o seu papel, pero para ela xa existen templos e grupos relixiosos. O que hai que promover son valores cívicos" que, polo demais, adoitan ser comúns a todas as manifestacións relixiosas.
A materia de Relixión Católica mantense en Educación en virtude dos acordos de 1979 coa Santa Sé e, coa Lei Wert, suplantará a de Educación para a Cidadanía. Con iso, a entender de López, "non" haberá "lugar para debates en cuestións como o aborto ou a homosexualidade". Os alumnos, ao rematar cuarto de ESO, terán que enfrontarse a unha reválida e decidir se cursan Bacharelato ou FP. A Relixión computa no Selectivo, "algo que non resulta lóxico se se ten en conta que, por exemplo, adoecemos de formación científica", engade este docente. En idénticas palabras maniféstase a presidenta do ANPA do colexio María Inmaculada, Mercedes Souto. Esta nai insiste en que o colectivo prefire non se posicionar pero, como proxenitora, apunta que determinadas materias "como Relixión ou Educación Física" non deberían ter o mesmo tratamento que outras como Matemáticas. Engade o risco que supón esta importancia, "posto que o profesor pode optar por poñer sobresaínte a todos os alumnos", consciente de que a materia computa para o curso e deixando nun segundo plano a formación dos pequenos.
Valores e base histórica
O ministro, atendendo á diversidade cultural que achegan os emigrantes, anunciou contactos con outras relixións de cara á posibilidade de implantalas no sistema educativo. Pero iso, nun país somerxido na crise, "resulta inviable, porque non poderiamos soster un profesor dedicado a cada relixión", apunta Soto.
Dende Movemento Dezao polo Ensino Público organizáronse diversas charlas e ata un encerro no Xesús Golmar contra as reformas da Lei Wert. Estes días o colectivo mantén novos encontros de cara a poñer en marcha máis medidas de protesta. Para López, non cabe dúbida de que a sociedade "tería que terse movido máis, porque o estado debería ser laico, e a nova categoría que toma a materia de Relixión supón un retroceso".
Non o ve así o sacerdote lalinense Marcos Torres, párroco de Santiago A Nova (Lugo). "É razoable que se permita o ensino de lle Relixión católica, posto que aínda que esteamos nun estado aconfesional, o 90% do país se considera católico, esgrime. Torres recorda que esta materia non só "dá acceso a valores como a xustiza, a paz ou a igualdade" senón que supón unha base importante á hora de entender a arte ou a historia. Torres foi, ademais, profesor da materia Educación para a Cidadanía, e asegura que o problema desta materia estriba en que "era obrigatoria e estaba ideoloxizar. Esta materia tería que impartir cuestións como ña Constitución, o estatuto de Autonomía ou o Código Civil".
Torres recorda que durante o goberno socialista, houbo a oportunidade de suprimir o ensino relixioso do curriculum educativo, e non se fixo. Por que? "Porque tanto o goberno do PP coma o PSOE saben que, se a Igrexa Católica non seguise coa súa obra benéfica como fixo ata agora, entrariamos nunha quebra social". Na súa parroquia lucense, atende a persoas que non conseguen que Servizos Sociais atenda as súas demandas, "porque lles dan cita a tres meses vista", critica.
Ningún comentario:
Publicar un comentario