Reivindican aos poderes públicos "a defensa do acceso á cultura e a promoción da ciencia en beneficio da sociedade".
As universidades de Santiago, Vigo e A Coruña
expresaron este xoves o seu "enérxico rexeitamento" á rebaixa salarial
"imposta pola Xunta de Galicia", ao tempo que reivindican a "unidade de
actuación" das tres institucións do Sistema Universitario de Galicia
(SUG).
Nun comunicado conxunto, as tres universidades galegas resaltan
que a rebaixa salarial "supón un novo ataque aos traballadores públicos
de Galicia" que, segundo engaden, "se suma aos xa realizados polos
gobernos do Estado e autonómico nos últimos anos"."Detrás destes ataques, que se fundamentan dende os gobernos sobre a necesidade de axustes orzamentarios, atópase unha base ideolóxica que persegue a minorización do público en beneficio doutras iniciativas", sosteñen as universidades galegas.
Neste sentido, consideran que "a diminución dos salarios, a paralización das convocatorias de emprego ou a consideración dos traballadores públicos como un sector privilexiado son só un chanzo máis" no desprestixio do público".
Ademais, as institucións universitarias resaltan que "este ataque se concentra dun modo especial no ensino público" que, segundo puntualizan, "se desprestixia a través da descualificación do persoal, a minorización dos seus salarios, do incremento da súa carga de traballo, da deterioración das súas condicións laborais e da posta en cuestión da súa calidade ou excelencia".
"No caso das universidades estes feitos engádense aos recortes en investigación e á aplicación indiscriminada de normas e leis orzamentarias que mesmo dificultan a captación de recursos externos", lamentan e engaden que "ademais, o estudantado, e particularmente aqueles con menos recursos económicos, a parte máis débil da comunidade universitaria, sofre a diminución das bolsas de estudio".
Por iso, as tres universidades de Galicia consideran "necesario" facer "visible" a súa "unidade de actuación". "Primeiro, no rexeitamento común destas medidas. En segundo lugar, na aplicación homoxénea do axuste retributivo", manifestan no comunicado conxunto.
"TODAS AS LEIS DEBEN CUMPRIRSE"
Con todo, recordan que a lei "é de obrigado cumprimento para as institucións públicas", e "para as universidades en particular, aínda que "no caso desta rebaixa salarial o desacordo sexa profundo, de fondo e de forma"."Todas as leis deben cumprirse, tamén aquelas que garantan a igualdade de oportunidades e as que encomendan aos poderes públicos a defensa do acceso á cultura e a promoción da ciencia en beneficio da sociedade", reivindican. "As medidas emanadas de conxunturas orzamentarias non deberían ir en contra destas normas fundamentais sobre as que existe un consenso social", conclúen.
Ningún comentario:
Publicar un comentario