Educación reivindica que mantén os centros que teñen a partir de seis alumnos, mentres que o bipartito pechou algúns con nove.
Un total de 22 escolas unitarias situadas nas
catro provincias serán pechadas o próximo curso por non reunir os seis
alumnos de matrícula que estipula a Consellería de Educación para manter
un centro aberto. Non obstante, esta cifra non é definitiva, posto que
pode haber cambios na matrícula.
Nestes momentos, as escolas que se pecharían na provincia de A
Coruña son Bealo (Boiro), Corcoesto (Cabana de Bergantiños), Vilela
(Carballo), Herves (Carral), Regoelle (Dumbría), Vilanova (Miño), Uzas
(Ordes), Igrexa-Beán (Ordes), Cando de Arriba (Outes), Boavista (O
Pino), Ponteceso, Vacariza (Rianxo), Freixeiro (Santa Camba), Montouto
(Santa Camba) e Vilaboa (Valdoviño).Na provincia de Lugo non chega a seis alumnos a día de hoxe o CEIP Aníbal Otero (Ribeira de Piquín); e na de Ourense non cumpre a ratio mínima a escola de Éntoma (O Barco de Valdeorras) e a de Dacón (Maside).
Pola súa banda, na provincia de Pontevedra pecharía a escola unitaria de A Baiuca (Catoira), a de As Chans (Nigrán), a de Albar (Poio), e a de Piñeiro (Tomiño), segundo a relación provisional de centros dada a coñecer pola Consellería de Educación, que subliña que unha decena dos centros teñen tres ou menos alumnos.
MANTÉN O CRITERIO
Nun comunicado, a Xunta xustifica que mantén o mesmo criterio de seis estudantes que aplicou na pasada lexislatura para que un centro continúe aberto e o contrapón con que o bipartito de socialistas e nacionalistas, que gobernou entre 2005 e 2009, chegou a pechar escolas con nove alumnos "en tempos de bonanza". Ao respecto, alude a que durante o bipartito, "cunha boa situación económica e un índice de natalidade máis alto", se chegaron a pechar 81 escolas unitarias.Educación esgrime a menor entrada de nenos no sistema educativo debido á caída da natalidade e xa replica ás críticas ao sinalar que quedan "desautorizados os augurios dos diferentes colectivos que certificaron a desaparición de escolas que van continuar abertas". "Trátase de organizacións interesadas en politizar o ensino e en crear innecesariamente alarma, malestar e tensión onde non existe".
Ningún comentario:
Publicar un comentario