O informe aprobado pola Eurocámara fai especial fincapé na aprendizaxe das linguas minoritarias desde idades temperás e no ensino preescolarO Informe sobre as linguas europeas ameazadas de desaparición e a diversidade lingüística na Unión Europea foi coordinado polo eurodeputado do Grupo Verdes/ALE, no que se integra o BNG, François Alfonsí, e será votado no plenario o vindeiro mes de setembro. É unha nova advertencia da UE ante a situación que sofren algúns idiomas como o galego no continente. O Consello de Europa xa reclamara máis protección para a lingua galega tras amosarse abraiado porque en Galicia se prohiban os modelos educativos nucleados na lingua propia e tras reclamarlle á Xunta que achegue aos cidadáns "un número suficiente de escolas que ofreza educación completamente ou esencialmente en lingua galega". Tan só un 4% das escolas infantís nas cidades ensinan na lingua propia no país.
O devandito informe aprobado pola Comisión da Eurocámara afirma que todas as linguas europeas "son iguais en valor e dignidade" e lembra a obriga establecida no Tratado de Lisboa de "salvagardar o patrimonio cultural e lingüístico da UE". Ademais, declara que a diversidade lingüística "contribúe á cohesión social reforzando a autoestima e á adquisición de competencias interculturais", tal e como informa o BNG.
A Eurocámara anima a Comisión e os estados a "adoptar políticas e programas da UE para apoiar as linguas en perigo"A Eurocámara anima tanto a Comisión Europea, -como Goberno da UE-, como os estados membros que "adopten as políticas e os programas da UE para apoiar as linguas en perigo e a diversidade lingüística, utilizando os instrumentos comunitarios de apoio financeiro para o período 2014-2020". En particular, fai referencia aos programas para educación e formación, xuventude e deporte, o programa de cultura e medios de comunicación e os fondos estruturais, -como o Fondo de Cohesión e Fondo Social Europeo entre outros-, así como todos os instrumentos relacionados coas novas tecnoloxías e plataformas multimedios.
Ana Miranda (BNG) destaca a énfase que pon o informe na aposta pola educación das linguas minorizadas desde preescolarSegundo a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, un dos aspectos máis relevantes do informe "está na énfase coa que recomenda á Unión Europea apoiar medidas para favorecer a adquisición de dúas linguas maternas desde a infancia, citando expresamente a educación preescolar, e salientando que este tipo de programas favorece a adquisición posterior doutras linguas".
Igualmente, o informe demanda da Comisión Europea apoio ás accións destinadas a promover as linguas ameazadas e subliña a necesidade de contribuír a garantir a permanencia do Atlas das linguas do mundo en perigo, iniciado pola Unesco.
Ningún comentario:
Publicar un comentario