mércores, 26 de xuño de 2013

A complexidade do cálculo das bolsas dificulta aínda máis o acceso

Unha bolsa era, até agora, unha "subvención para realizar estudos ou investigacións". E, sempre segundo a RAE, becar era "sufragar ou concederlle a alguén unha bolsa ou estipendio para estudos" a quen non puidese pola súa situación económica, custealos. O Goberno de Mariano Rajoy engadiu a esa definición un anexo condicionante que podería resumirse así: unha bolsa ou estipendio que se lles outorga só aos estudantes cuxo rendemento académico sexa superior ao necesario para aprobar e cuxa contía depende das cualificacións obtidas.
Con esta excepción o Ministerio de Educación cambiou por completo a fórmula coa que se calculaban estas subvencións co obxectivo de premiar os alumnos brillantes. Ou para deixar fóra os sinxelamente bos. Defendeuno o ministro José Ignacio Wert ao asegurar que se un universitario saca menos dun 6,5 "debería estar a estudar outra cousa". O borrador do novo decreto que regula as axudas fai o propio co mesmo argumento pero con algo máis de tacto: "A política de bolsas e axudas ao estudo debe ser un instrumento de estímulo á mellora do rendemento académico dos estudantes, especialmente dos estudantes dos niveis superiores do sistema educativo".
O problema é que incorporar o elemento académico á ecuación podería non só deixar fóra miles de estudantes -o propio ministro recoñeceu 18.840 bolseiros menos o último curso con requisitos menos restritivos que os que propón para 2013-2014- senón ademais xerar desigualdades entre os propios beneficiarios. Isto é, que a un estudante con menos recursos lle tocase unha asignación máis baixa que a outro con maiores ingresos pero mellores notas. "Non se sabe aínda como vai funcionar. Nin sequera o ministerio podía explicalo con claridade", explica Montserrat Milán, profesora membro do Consello Escolar do Estado.
Ata que non se resolva a solicitude -e isto pode ser ben entrado o curso- non se saberá canto diñeiro se lle asigna ao bolseiro, e polo tanto as familias non poden calcular se con esa axuda bastará para cubrir os gastos
Isto xera, ademais, un dobre inconveniente para os estudantes e as universidades. Ata que non se resolva a solicitude -e isto pode ser ben entrado o curso- non se saberá canto diñeiro se lle asigna ao bolseiro, e polo tanto as familias non poden calcular se con esa axuda bastará para cubrir os gastos. Moitos universitarios decatáronse hai un par de meses de que a súa solicitude fora rexeitada, polo que foron ou están a ser expulsados por non poder abonar a matrícula despois de cursar todo o ano. Os estudantes quedan sen carreira e as universidades sen ingresos, nun momento no que o financiamento é un verdadeiro problema para elas.
"Antes cando solicitabas unha bolsa sabías que é o que te tocaría porque estaba moi establecida a contía en relación cos requisitos de renda ou distancia do centro de estudos, pero co novo decreto será aínda máis complicado e máis difícil de calcular", adianta Julio Serrano, de CCOO.


Un fixo de menos da metade

O decreto de 2007 establecía unhas contías que sumadas chegaban até os 6.056 euros anuais. O mesmo caso (o de maior necesidade económica) obtería coa nova regulación uns 3.000 euros
O decreto de 2007, que o ministro Wert modificou por primeira vez o curso pasado, establecía unhas contías (no caso das rendas máis baixas e mozos cursando estudos noutra cidade) que sumadas chegaban até os 6.056 euros anuais, máis a matrícula no caso dos universitarios (en Bacharelato e FP é gratis). "Este diñeiro, complementado pola achega familiar e moitas veces por eventuais traballos dos estudantes, axudaba a pagar unha residencia ou piso, comida, material educativo e traslados", enumera Serrano. O mesmo caso (o de maior necesidade económica) obtería coa nova regulación uns 3.000 euros. Máis 60 euros como mínimo do variable por nota. Esta cantidade dependerá, ademais do expediente académico do ano anterior e do que haxa en caixa.
"Serán as túas notas e a túa renda competindo coas notas e a renda dos demais solicitantes polo diñeiro dispoñible", explica Serrano, responsable da Secretaría de Universidade e Investigación da FECCOO. O ministerio cubriría para empezar as asignacións fixas e o resto repartiríase nas proporcións variables. Aínda que os sindicatos sospeitan que coa baixada da contía e do número de bolsas o ministerio busca aforrar máis de 200 millóns de euros.
Os sindicatos sospeitan que coa baixada da contía e do número de bolsas o ministerio busca aforrar máis de 200 millóns de euros
En resumo: menos diñeiro e máis difícil de obter. E non é que España destaque en canto á xenerosidade das súas bolsas. Se a media europea é dedicar un 0,28% do PIB, España queda nun escaso 0,11%. Porque recibir (e conservar) esa "subvención para realizar estudos" que o borrador do novo decreto argumenta como "o deber constitucional de garantir a igualdade dos cidadáns no acceso á educación" dependerá duns limiares académicos que "rompen coa igualdade de oportunidades", segundo a Conferencia de Reitores. Un 6,5 na proba de acceso á universidade (un 5,5 no caso da FP) ou a aprobación do 100% dos créditos no caso de moitas carreiras non son un logro ao alcance de todos pero si unha barreira para acceder ás aulas. A menos que o poidas pagar.

Ningún comentario:

Publicar un comentario