xoves, 13 de xuño de 2013

O Mencer recibirá este luns no seu local ás Anpa para preparar a campaña estival

 Pide aos colexios con comedor que lles cedan os alimentos sobrantes ao final de curso.

A asociación O Mencer manterá este luns no seu local da rúa Manuel Rivero un encontro cos representantes das Anpa dos oito centros de ensino de Lalín, para detectar nenos cuxas familias teñan escasos recursos e así lles poder facilitar alimentos durante as vacacións estivais. O encontro está previsto para as 20.00 horas.
De forma paralela, os voluntarios do Mencer xa iniciaron contactos cos colexios que dispoñen de comedor escolar para que, ao final de curso -o próximo venres, día 21- lles cedan aqueles alimentos que lles sobraron e que poderían caducar durante o descanso estival. Dende a Consellería de Educación non existe ningún impedimento para a cesión destes produtos, xa que a xestión dos alimentos entra dentro da autonomía de cada centro. Deste modo, o responsable de comedor do colexio -que adoita ser a que elabora os menús e realiza os pedidos- decide que facer co material que sobra. Se, en caso de que sexa unha empresa de catering a que serve o menú diario aos nenos, esta firma ten potestade para valorar se entrega ou non alimentos ao colectivo solidario. O Mencer distribúe produtos todos os luns na súa sede.

Ningún comentario:

Publicar un comentario