martes, 2 de xullo de 2013

A CIG ensino exixe a execusión da sentenza sobre o galego ante o desacato da Xunta

A CIG ensino acaba de se dirixir á Sala do Contencioso do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza para que garanta o cumprimento da sentenza ditada no seu día contra o decreto sobre o uso do galego no ensino. Faino así o sindicato nacionalista após constatar que a Xunta teima en consultar a nais e pais a lingua vehicular do ensino en Galiza, unha práctica declarada non axustada a direito polo TSXG.

É competencia indelegábel da Administración educativa a determinación da lingua vehicular do ensino en Galiza. Non se pode trasladar esa responsabilidade ás nais e aos pais. Así o estabeleceu no seu día o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A CIG ensino alerta agora de que a Xunta, en aberta insubmisión á decisión do máximo órgao xudicial do noso país, está a levar adiante novas consultas ás nais e aos pais.
En diferentes sentenzas, entre elas unha referida a un recurso interposto pola CIG-Ensino, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulou o artigo 5.2 do decreto 79/2012 para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza, no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e as nais en Educación Infantil vinculante para determinar a lingua do ensino na Educación Infantil.
"O conselleiro non coñece límites para atentar contra a nosa lingua", afirma o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzo. "A negativa a que o galego poida ser lingua do ensino é tan visceral que non dubida en incumprir sentenzas e en actuar á marxe da lei", acrecenta. A CIG-Ensino exixe a retirada inmediata das enquisas e empraza a Feijóo a que cese "fulminantemente" ao conselleiro.
Xulga o sindicato nacionalista que o obxectivo final da Xunta é desterrar o galego como lingua vehicular no ensino infantil pese a que nas cidades a súa presenza non acada "nen o 5 por cento".

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario