Todas estas reflexións e estratexias, anunciaba daquela o presidente, ían estar contidas nunha "instrución" que a Xunta ía redactar para amoldar a letra do decreto aos ditames xudiciais. Este foi o pano de fondo co que se celebrou, o pasado 19 de xuño, a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, o órgano que reúne as persoas responsables da promoción do idioma nas tres institucións académicas do país coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. Nesa xuntanza a representación das universidades puxo unha proposta sobre a mesa: asesorar profesionalmente o Goberno para reformular o decreto parcialmente invalidado, "unha norma socialmente polémica que afecta sensiblemente aos tramos educativos para a eficacia da acción normalizadora dos poderes públicos", expresaron.
As universidades cren que poden "contribuír dende a independencia e a cualificación técnica" a "avaliar" o decreto para reformulaloSegundo puido saber Praza Pública, nese encontro as universidades explicáronlle ao titular de Política Lingüística, Valentín García, que a "anulación xudicial de varios preceptos" do decreto fai "preciso abrir un período de diálogo" para "actualizar o decreto en todo aquilo que se considere conveniente", tendo en conta a necesidade de "garantir os obxectivos normalizadores marcados" pola "Lei de Normalización Lingüística de 1983, o Plano de Normalización Lingüística de 2004 e a Carta Europea de Linguas Rexionais e Minoritarias". "As universidades ofrecémonos a contribuír a ese diálogo dende a nosa perspectiva", isto é, a académica.
Nomeadamente, o ofrecemento universitario pasa por que "os equipos de investigación das nosas universidades" poidan "contribuír decisivamente, dende a independencia e a alta cualificación técnica da que dispoñen" a "facer unha avaliación dos resultados da aplicación do decreto", avaliación que, por outra banda, lembra, "prevé a disposición adicional quinta do propio decreto". Este, sinalan, debera ser o "paso previo á actualización" da controvertida norma lingüística e para realizalo propoñen a constitución "dunha comisión mixta de traballo" coa Xunta.
A Xunta aínda non contestou, pero xa elabora unha "instrución" para aplicar o decreto tras as sentenzasSegundo as fontes consultadas por este diario a oferta non foi nin rexeitada nin aceptada por García, que se limitou a sinalar que tería que consultar a proposta cos seus superiores no Executivo. Ata o momento as universidades non recibiron resposta ningunha , se ben a Consellería de Educación semella ter claro xa o seu roteiro. Non en van o pasado martes, nun duro comunicado centrado esencialmente en cargar contra a CIG, o departamento de Jesús Vázquez anunciaba que "neste momento o departamento educativo da Xunta está a elaborar as instrucións para o desenvolvemento do decreto do plurilingüismo [as anunciadas por Feijóo], que estarán en breve á disposición dos centros para a súa aplicación no vindeiro curso". Así as cousas, cabe deducir que as achegas da universidade neste ámbito tamén sobran en San Caetano.
Ningún comentario:
Publicar un comentario