mércores, 24 de xullo de 2013

Onde mercar e descargar ebooks gratuítos (e legais)?

A imaxe do veraneante cunha tableta ou un ereader na praia xa non é unha rareza. Ao contrario, como sucede nos transportes públicos, é habitual que os lectores se acompañen dos seus dispositivos para gozar da lectura nos seus momentos de lecer. A cuestión para moitos, no entanto, é onde poder facerse cos títulos que están a buscar, xa sexan ebooks de pago ou gratuítos (legais e libres de dereitos). A maioría coñece as tendas online multinacionais como Amazon, Apple e Google Play, mais os axentes locais casadellibro.com e elcorteingles.es; con todo, se se dispón dunha tablet ou lector con conexión a Internet -excepto Kindle, que só admite os ebooks de Amazon- hai outras opcións para comprar ou descargar libros electrónicos a custe cero. Aquí vai un bo feixe de sitios web.

Tendas online

Onlania.com: É unha libraría online radicada en Sevilla que opera desde mediados de 2010. O cliente elixe os libros que quere comprar, abona o importe do pedido e inmediatamente ten acceso á descarga dos ebooks que comprou. A partir de entón pode lelos tanto no computador coma nun dispositivo de lectura electrónica. Distribúen contidos de máis de 130 selos distintos, correspondentes a unhas 50 editoriais. Teñen á venda tanto libros de fondo como novidades con títulos como O manuscrito atopado en Accra, de Paulo Coelho ou Os vixiantes do faro, de Camilla Läckberg. Todos eles actualízanse de forma diaria, polo que sempre dispoñen de títulos novos e dun catálogo extenso e variado para todo tipo de público.
Ebooks.lecturalia.com: Creada en marzo de 2011, nesta tenda hai que rexistrarse para acceder aos ebooks. A partir de aí pódense seleccionar os títulos que se desexen. Con todo, moitos deles posúen o sistema anticopia DRM polo que se se posúe un iPad non se poden ler directamente, senón que hai que descargar a aplicación ebooki desde a Appstore da tableta. Unha vez instalada introdúcense os datos de usuario de Adobe Digital Editions, e despois descárganse os ebooks seleccionados. Recoméndase utilizar o navegador Safari. Os títulos que posúen proceden das distribuidoras Libranda e Publidisa.
Todoebook.com: Propiedade da distribuidora Publidisa, nesta web, pioneira no libro electrónico, posto que funciona desde 2001, moitos dos títulos que se ofrecen son autopublicados, aínda que se poden atopar algunhas novelas de Michael Connelly e Nicholas Sparks, autores de Roca Editorial. Tamén é necesario rexistrarse e seguir despois tres pasos (confirmación, pago e descarga). Os ebooks están en formato epub, válidos para todos os dispositivos (excepto Kindle).
Amabook.es:  Esta tenda online de Barcelona tamén é unha das pioneiras, posto que opera desde o ano 2000. Está baixo a licenza do aglutinador de contidos Digital Books SL. Tamén é necesario o rexistro na páxina e seguir os pasos do pago e a descarga. Os ebooks descargados quedan almacenados no rincón de lectura. Posúen moitos títulos en inglés e os prezos parten desde o euro a máis de 14 euros.


Ebooks libres de dereitos

Kobo: A tenda canadense posúe un apartado para ebooks gratuítos, que ou ben están libres de dereitos ou así o decidiu o seu autor. Atópanse en formato ePub sen DRM e a descarga pódese realizar en calquera dispositivo (o e-reader de Kobo, os aparellos de Android, iPhone e calquera tableta coa aplicación Kobo). É necesario rexistrarse antes neste sitio web.
24symbols: Esta web creada en Madrid en 2011 posúe un modelo de subscrición, aínda que tamén é posible acceder a un catálogo completamente gratuíto con ebooks libres de dereitos. Son libros que se atopan na nube e pódense ler desde tabletas como iPad ou outros dispositivos. O seu servizo de pago, Premium, ofrece a posibilidade de pagar unha cota de 9 euros ao mes para acceder a diferentes ebooks. Teñen máis de 10.000 títulos no catálogo.    
Gansoypulpo.com: É unha editorial e libraría que rescata relatos que foron publicados en xornais e revistas de hai un século. Todos se atopan en dominio público, polo que o acceso é gratuíto. Os ebooks atópanse en formato epub e o acceso é moi fácil e cómodo. Cun só click sobre o título elixido, este descárgase no dispositivo ou no computador listo para a lectura. Non fai falla ningún tipo de rexistro na web.
LibrodeNotas.com: É unha libraría online cuxos ebooks atópanse en formato epub e PDF. Son de descarga libre por decisión dos autores, aínda que existe a opción de doar un euro. Como sinalan na web, son libros que se atopan fóra dos circuítos máis comerciais. O acceso tamén se realiza mediante un click, e é posible telos no Kindle se se compran en Amazon, aínda que con esta opción o prezo pode ascender.
Libroteca.net: Posibilita a descarga gratuíta de até 10.000 títulos sen copyright. Non posúen novidades comerciais, pero todos os seus ebooks están en todos os formatos (a maioría .doc e PDF), excepto mobi, de Kindle. O acceso realízase mediante un só click sobre o título da obra que se desexe. Entre os máis descargados atópanse A arte da guerra, de Sun Tzu, Orgullo e prexuízo, de Jane Austen e Edipo Rei, de Sófocles, os tres en PDF, un formato moi pouco apto para os e-readers.
Librear.com: Ofrece ebooks gratuítos en formato epub e tamén a posibilidade de autopublicar. Pódense achegar tamén libros sempre que teñan licenzas Creative Commons, Copyleft ou Dominio Público para a súa recompilación e descarga. Non se atopan ebooks das editoriais comerciais, pero si clásicos como As aventuras de Sherlock Holmes ou receitas de cociña. A descarga é automática, nun só click.
Relatospulp.com: Para os afeccionados á literatura pulp esta libraría online creada en Ourense hai uns meses é unha das máis interesantes, posto que ofrece relatos deste xénero de forma gratuíta en formato Epub e PDF. A descarga faise inmediata en calquera dispositivo, menos Kindle.

Ningún comentario:

Publicar un comentario