O pasado día 17 tivo lugar a inauguración do IX Curso de verán sobre
dinamización lingüística "Traballando en lingua", centrado este ano na
temática de participación, implicación e traballo colaborativo.
O
IX Curso de verán sobre dinamización lingüística "Traballando en
lingua" desenvolverase no Fórum Carballo, no concello homónimo, ata o 19
de xullo. Nel participan persoas que traballan ou que están interesadas
na dinamización lingüística e no proceso de normalización da lingua
galega, sobre todo estudantado, técnicos de normalización, docentes,
membros de asociacións ou xestores e animadores socioculturais.
Este ano o curso céntrase en diversas liñas temáticas relacionadas coa
implicación cidadá na dinamización lingüística, tales como a
participación nos procesos de cambio social e lingüístico, a
participación desde arriba ou desde abaixo, o artellamento da
participación e a implicación na dinamización lingüística, métodos e
espazos de traballo colaborativo para a normalización, experiencias de
participación e de traballo colaborativo ou avaliación da participación.
Para abordar estes asuntos emprégase unha metodoloxía que combina as
sesións teóricas coas prácticas, formativas, de análise e de traballo
conxunto mediante relatorios, grupos de traballo, presentación de
experiencias, obradoiros e debates.
Ningún comentario:
Publicar un comentario