Nun comunicado conxunto asinado polos PAS e PDI das tres universidades galegas, as Xuntas de Persoal e os Comités de empresa advirten que os "recortes orzamentarios" e as "medidas de intervención" da Xunta están a pór "na corda bamba" a viabilidade do sistema universitario galego.
Os órganos de representación das traballadoras e traballadores das tres universidades galegas manifestaron a través dun comunicado o seu "rexeitamento unitario" ás políticas desenvolvidas polo Goberno da Xunta de Galiza.
Desde as Xuntas de persoal e os Comités de empresa da Universidade de Vigo, da Coruña e de Santiago de Compostela, advirten que os recortes orzamentarios e as medidas de intervención do executivo galego están a pór na corda bamba o mantemento dun sistema universitario público e de calidade na Galiza.
Neste senso, prevén iniciar un novo calendario de mobilizacións para exixiren á Xunta que cese nos seus ataques á sistema universitario e convoque demaneira "urxente" a Mesa sectorial de Universidades.
Garantir unha docencia e investigación "de calidade"
As sucesivas reducións orzamentarias impostas polo executivo de Núñez Feijóo ao ensino superior "impiden a continuidade de moitas actividades docentes e investigadoras", denuncian desde os órganos de representación d@s traballadoras e traballadores das Universidades galegas. Asemade, a redución da contía asignada ás bolsas de axuda ao estudo está impedir "o acceso á universidade da mocidade da clase traballadora" a través da fixación dunha "selección económica do estudantado".
Desde as Xuntas de persoal e os Comités de empresa que abranguen ao PAS e PDI das tres univerisdades denuncian, aliás, que o executivo galego está a levar a cabo unha "maquillaxe orzamentaria" para agochar a drástrica redución nas partidas dedicadas á actividade investigadora e docente. Tamén así, advirten que o persoal docente e investigador asume condicións de traballo "de precariedade absoluta" o que pon en risco "a calidade" académica.
Perante esta situación que consideran "de insostibilidade" para o sistema universitario galego, desde os órganos de representación do persoal chaman ás traballadoras e traballadores a "presentar unha queixa conxunta perante o Valedor do Pobo" habida conta do incumprimento do Plano de financiamento e a demandárenlle aos reitores das tres universidades a encabezaren "un amplo movemento conxunto para garantir o financiamento estrutural da universidade e unha docencia e investigación de calidade".
Asemade, advirten que iniciarán unha nova vaga de mobilizacións que serán "concretadas nas vindeiras semanas" á fin de exerceren presión sobre a Xunta de Galiza na defensa dunha universidade pública e de calidade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario