xoves, 18 de xullo de 2013

O persoal das universidades galegas convoca mobilizacións conxuntas para frear os recortes

Pedirán á Xunta que os recortes non se consoliden nos presupostos de 2014 e chamarán os reitores para que "encabecen" a defensa do SUG.


A Xunta de Personal Funcionario de Personal Docente Investigador (PDI) e de Persoal de Administración e Servizos (PAS) xunto cos Comités de Empresa de Persoal Laboral destes colectivos das tres universidades galegas acordaron celebrar mobilizacións conxuntas para frear o refacho de recortes que viñeron sufrindo as tres institucións académicas nos últimos anos.
Tras un encontro celebrado este mércores na Aula Seminario da Facultade de Dereito da USC, os representantes dos traballadores das tres universidades acordaron impulsar un calendario de protestas que se presentará en próximas semanas. Ademais, esixirán á Xunta que convoque a mesa sectorial destas institucións, que non se reuniu "en toda a lexislatura", co obxectivo de "enfocar" os presupostos de 2014 e conseguir que estas contas non consoliden os recortes.
Entre os acordos aprobados durante a reunión desta mañá, inclúese a presentación dunha queixa ante o Valedor do Pobo sobre o "incumprimento do plan de financiamento" do Sistema Universitario de Galicia, ademais de solicitar aos tres reitores que "encabecen un movemento conxunto" para poñer en evidencia" os recortes que padece a comunidade universitaria.
Segundo explicou a Europa Press Alba Nogueira, da CIG, o obxectivo é que as contas de 2014 non consoliden" o camiño marcado nos últimos anos e que está a provocar "unha situación insostible" no seo das institucións académicas.
Nogueira denuncia que a universidade galega está empezando a "non" ser un sitio que acolla á xuventude das clases traballadoras", que cada vez "o teñen máis difícil" polo recorte "brutal" nas bolsas. Así mesmo, di que "se resente" a calidade do servizo público "de forma moi notable" por culpa da "supresión" de profesorado e de que existen materias impartidas por docentes "non especialistas", botando á "precariedade absoluta" a aqueles que contan cun emprego.
En investigación, segundo engade, existen tamén "recortes sucesivos" a través da "sangría" de traballadores e a "non renovación" de persoal adscrito a proxectos, que o ano pasado alcanzou os 400 afectados.

PROBLEMA "MOITO MÁIS GLOBAL"

Por iso, aclara que este problema é "moito máis global" que unha cuestión de retribucións, cuxa gravidade é tal que supón unha caída media do 20% no poder adquisitivo do profesorado mentres se suceden "situacións paradoxais" como que se recorte en complementos de produtividade, "penalizando" os docentes que "investigan máis".
Tamén recordou a "intromisión" da Xunta "na autonomía universitaria" coa convocatoria de prazas "paralizada" que require da autorización do Goberno galego, o cal aínda non formalizou unha proposta "definitiva" a pesar de que as peticións se enviaron "hai meses" e que prexudica ao persoal cuxo contrato remata en setembro.
Ante esta situación, destacou a "vontade de traballo unitario" dos empregados das tres universidades galegas e a importancia de emprender accións conxuntas para frear os recortes.

Ningún comentario:

Publicar un comentario