Un convenio
asinado esta mañá entre o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación
Universitaria, Xesús Vázquez, a directora da Axencia para a Modernización
Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira, e o responsable de Everis en
Galicia, Jesús Lage, pretende axudar a coñecer as causas da baixa porcentaxe de
matriculados es estudos tecnolóxicos en Galicia e poder abordar medidas que
axuden a difundir as saídas laborais destas carreiras. O Estudo dos Factores Influentes na Elección de Estudos Tecnolóxicos en
Galicia desenvolverase mediante unha enquisa en liña anónima entre alumnos
de 3º e 4 da ESO e 1º e 2º de Bacharelato sobre os criterios e factores que
máis lles inflúen á hora de elixir o seu itinerario formativo.
Unha vez recompilada a información, será analizada por unha comisión de
expertos do campo para realizar o estudo e achegar posibles vías para potenciar
as vocacións científico-tecnolóxicas, agardándose que a difusión dos resultados
poida realizarse na primeira metade do ano.
A plataforma tecnolóxica para a realización da enquisa en liña achegaraa a
AMTEGA, mentres que a Consellería de Educación facilitará a coordinación dos
centros educativos, así como a participación dos axentes do ecosistema
educativo na comisión de expertos; e Everis subministrará os recursos humanos e
materiais necesarios para a elaboración do estudo.
Mar Pereira destacou que o sector tecnolóxico galego demostrou a súa capacidade
e potencialidade e que o capital humano é unha das súas chaves. Por iso é
preciso coñecer só o 9% dos futuros universitarios apostan por encamiñar o
futuro laboral cara esta área. Tamén lembrou que o sector tecnolóxico galego
está integrado por 2.232 empresas, o que nos sitúa como a quinta do Estado con
maior número de empresas deste ámbito, e que emprega a máis de 15.000
profesionais, unha cifra que se maten desde o ano 2010.
Esta actuación enmárcase nos compromisos de Everis como asinante do Pacto
Tecnolóxico de Galicia, un acordo no que tanto o Goberno galego como as
empresas implicadas asumen un decálogo de compromisos para atraer investimento
a Galicia, favorecer a internacionalización das PEME galegas e lograr a
colaboración activa entre as grandes e pequenas empresas para conseguir o
crecemento do sector. Xunto a Everis subscribiron o acordo as empresas
tecnolóxicas HP, Telefónica, Vodafone, Indra, Tecnocom, Iecisa, Satec, Televés,
R, Altia, Coremain e o Clúster TIC Galicia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario