mércores, 21 de xaneiro de 2015

CIG-Ensino chama a defender o galego contra o "roteiro de exterminio" do PP

A central sindical nacionalista denunciou o conxunto de medidas desenvolvidas polo goberno de Alberto Núñez Feijóo para "combater" o idioma como elemento chave da "cohesión nacional". 

A central sindical nacionalista debruzouse esta terza feira (20 de febreiro) sobre o que denominou como o "roteiro do exterminio" da lingua galega. Unha política lingüística "contranatura", afirmou Marta Dacosta, que se viu endurecida após o ano 2009 coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á Xunta. 
Através dunha crítica análise a CIG-Ensino animou a participar na manifestación convocada pola Plataforma Queremos Galego o vindeiro 8 de febreiro. Unha mobilización coa que demandar, afirmou o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, un "cambio de rumbo" na política lingüística e a modificación do actual marco legal para garantir á lingua propia de Galiza "os mesmos dereitos que ten calquera lingua nun país normalizado". 
O "roteiro do exterminio"
E é que desde a chegada do PP, de novo, ao goberno galego en 2009 producíronse "ataques sistemáticos" contra a lingua galega, denunciou Dacosta. NEste senso, subliñou, após un mes de sentar en Monte Pío, Núñez Feijóo suprimiu a proba de galego no acceso á función pública. Un feito ao que se sumaría a supresión do requirimento de proxectos na lingua de noso nos diferentes concursos nos que participa o profesorado. 
Semanas despois serían eliminadas por parte do goberno galego as axudas económicas ás liñas en galego do ensino infantil e con posterioridade iniciaríanse as "enquisas trampa", en verbas de Dacosta, a respeito da lingua vehicular das crianzas. Unha medida que foi declarada ilegal polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. 
Desde 2009 a Xunta de Galiza implementou políticas encamiñadas a "combater" a presenza do galego no ensino, denuncian desde a CIG
No curso 2009-2010 a Consellaría de Educación, encabezada por Jesús Vázquez, reducíu as contías dos premios de innovación en lingua galega, iniciou o proceso de recortes ás equipas de normalización lingüística --que pasarían a se denominar de dinamización-- e presentou as bases para o que sería o Decreto de Plurilingüismo. 
Da man desta norma prohibiríase a impartición en galego das materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía para o que o goberno habilitaría unha liña de axudas para a compra dos novos libros por valor de 5 e 8 millóns de euros. Un diñeiro "dilapidado", denuncian desde a central sindical nacionalista. 
Aliás, no seguinte curso académico (2010-2011) poríase en andamento a Orde de Centros Plurilingües como unha "estratexia" dirixida a "reducir a presenza" da lingua galega nas aulas, apuntan desde a CIG-Ensino. Logo viría a LOMCE e con posterioridade o despedimento do profesorado CELGA, un conflito aínda por resolver no que a xustiza deu a razón @s traballador@s. 
Manifestación o 8 de febreiro
Para a central sindical maioritaria no ensino o obxectivo destas medidas desenvolvidas polo goberno Feijóo é "combater o idioma" e con el "a cohesión nacional" en tanto que elemento chame no fortalecemento da "conciencia" de "sermos donos do noso futuro como pobo". 
Razón, afirmou Anxo Louzao, pola que chaman a cidadanía galega e a comunidade educativa, especialmente, a se sumar á mobilización convocada por Queremos Galego na defensa da lingua propia. O secretario nacional da CIG-Ensino urxe un "cambio de rumo" na política lingüística da Xunta e mudanzas lexislativas que equiparen a lingua galega a calqueroutro idioma. A comezar, salientou, polo cumprimento do actual marco legal, nomeadamente do Plan Xeral de Normalización lingüística que en 2014 cumpriu unha década. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario