luns, 12 de xaneiro de 2015

Educación prohibe un acto de Marea Atlántica nun instituto

A Xunta apela a un acordo que veta actos políticos en centros educativos

Apenas tres horas antes do comezo previsto dos actos, a Consellería de Educación prohibiu onte ao Instituto de Educación Secundaria (IES) de Elviña, na Coruña, que cedese o seu auditorio para acoller un foro de debate que Marea Atlántica tiña previsto celebrar alí ao longo de todo este fin de semana. A Xunta esgrimiu un convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que prohibe que os pavillóns de centros educativos acollan "actos con fins políticos", segundo Educación, para vetar o foro de debate que o colectivo cidadán coruñés organizou para decidir como concorrerá ás eleccións municipais de maio. Marea Atlántica recolocou sobre a marcha os seus actos na sede local do Colexio de Arquitectos e criticou o PP polo que consideran que é un intento de "calar á cidadanía".
Segundo Marea Atlántica, a organización do foro de debate previsto en Elviña comezou hai dúas semanas pero a Xunta non comunicou a súa negativa ata onte en torno ás dúas da tarde, apenas tres horas antes do inicio das actividades, ás 17,30 horas. A prohibición mobilizou á cúpula da Consellería de Educación, que reaccionou ofrecendo a súa versión dos feitos moito máis rápido e con maior número de explicacións do que adoita ser habitual. O departamento que dirixe Jesús Vázquez, que nalgunhas ocasións opta por non responder ás cuestións que se lle formulan, se esforzou en demostrar o contido "político" dos actos previstos por Marea Atlántica para xustificar a súa prohibición e asegurou que o colectivo non pedira permiso á Consellería.
Ao comunicárselle a negativa da Xunta, Marea Atlántica desprazou as actividades previstas para o fin de semana ("coloquios, talleres e plenarios") a un espazo alugado na sede coruñesa do Colexio de Arquitectos, na rúa Federico Tapia. O colectivo cidadán cre que o veto da Xunta "evidencia que o PP o que máis teme é á xente común exercendo a democracia". "Non vannos calar", din.
Tras o foro de debate deste fin de semana, o calendario de Marea Atlántica prevé sucesivos períodos de presentación de ideas, exposición pública e participación cidadá para, a principios de febreiro, votar e publicar as propostas definitivas que concretarán como concorrerá o movemento ás municipais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario