martes, 27 de xaneiro de 2015

O reitor da UDC culpa ao Goberno de favorecer á privada

Armesto denuncia nesta entrevista con GC que a Xunta está a promover as universidades privadas (xa hai unha na Coruña e pode abrir outra en Sada) mentres que as públicas e as bolsas soportan recortes. A convivencia de tres universidades públicas no país e a I+D son outros puntos desta conversa.

O presidente da Xunta prometeu unha nova dedución, do 25%, para as doazóns á investigación universitaria. É esta a solución dabondo aos problemas de recortes que levan varios anos sufrindo os investigadores de todas as universidades?
En todo o mundo desenvolvido, incluído o sistema anglosaxón, o investimento en investigación é público e está complementado cunha política de mecenado. O primeiro seria incrementar a porcentaxe de PIB, que en Galicia anda por volta do 0,8% fronte ao 1,3 estatal e o 2,2 europeo, imprescindible para a mellora do país. Nun mundo globalizado o mellor investimento é en coñecemento e formación, de aí que os países que máis invisten son os que melloran socioeconomicamente. O mecenado debe ser algo complementario e que tamén se debe promover con incentivos fiscais.
 O Conselleiro de Educación dixo que está disposto a ir na lista das locais, incluso pode que se presente a alcalde de Ourense. Como valora Xosé Luís  Armesto o traballo de Jesús Vázquez até o de agora no referido ao mundo universitario?
A política do goberno galego no tema de universidades é moi intervencionista e con escaseza de recursos dedicados ao sistema universitario. No lado positivo, cabe sinalar o acordo coas Universidades para conxelar as taxas académicas e non dificultar máis o acceso á educación superior nesta época de crise financeira.
Unha opinión común en boa parte da sociedade galega é que o localismo frea o desenvolvemento do país. Por exemplo, ter tres aeroportos fai que ningún poida competir co de Porto. Por que esta argumentación non é válida para o ensino superior? Pode un país de pouco máis de 2,5 millóns de habitantes e cunha poboación moi maior permitirse tres universidades?
O modelo de sistema universitario discutiuse no Claustro da Universidade de Compostela en 1989 e eu defendín un sistema de universidade única, descentralizada territorialmente e desconcentrada funcionalmente porque me parecía un sistema máis axeitado para unha planificación máis racional a nivel galego. A decisión política foi outra e máis 25 anos despois, valoro positivamente o actual sistema porque facilitou algo fundamental como foi aproximar os estudos universitario ás grandes áreas urbanas dun xeito máis eficiente. Así como facer efectivo o principio de igualdade de oportunidades. Algo que teoricamente podería terse feito co outro modelo, pero para o cal seria preciso unha xenerosidade que non abonda. Os dous sistemas poden converxer cunha maior cooperación das tres universidades, camiño que estamos a percorrer de forma acelerada.
Cando foi elixido en 2011, vostede declarou que co goberno do PP perigaban todos os servizos públicos en xeral, incluído as universidades. Que valoración fai das políticas do Ministerio de Educación na presente lexislatura?
Moi negativa. Hoxe téñoo máis claro con base nas evidencias  de desprestixio, desregulación e privatización acelerada destes anos dos servizos públicos de educación, sanidade e servizos sociais. No tema de Universidade o decreto de taxas de 2012 supón na práctica o incremento do repagamento cara á privatización, a política de bolsas foi regresiva e elitista, e o proxecto de decreto de flexibilización dos estudos universitarios supón a evidencia da desregulación imprescindible para a iniciativa privada.
Xa hai varios cursos que entrou en vigor a reforma do sistema de bolsas na universidade. Que efectos concretos está a ter na Universidade da Coruña. Que medidas puxo en marcha a Universidade da Coruña para axudar aos seus alumnos ante o recortes das bolsas?
Tan pronto como se publicou o decreto, na Universidade da Coruña puxemos en marcha dous programas de axuda para os estudantes co fin de evitar que tiveran que abandonar os estudos. Un deles para eximir do pagamento da matrícula a aqueles estudantes que por causas sobrevidas non puideran facelo; o outro para aqueles estudantes que non accederon ás bolsas do Ministerio  pola maior esixencia académica aos bolseiros. Con ambos os  programas puidemos evitar o abandono de preto de 100 estudantes e servimos de estímulo para que a Xunta de Galicia tivera programas similares, paradoxalmente para paliar a política de taxas e bolsas do Ministerio.
Sorprende que, mentres as universidades públicas loitan contra os recortes, a Administración favoreza a expansión dos centros universitarios privados. Na Coruña xa está en marcha CESUGA que dá arquitectua e empresariais e hai outro proxecto dunha universidade de Oporto para montar enfermería e fisoterapía en Sada. Supoñen este tipo de centros unha ameaza para o sistema público ou un estímulo polo aumento da competencia? 
Nin unha ameaza nin un estímulo. O que se fixo foi mudar unha franquía por outra e o tema das franquías non está regulado, de modo que non teñen unhas mínimas esixencias de calidade. A CRUE (Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas) leva tempo demandando do Ministerio unha regulación deste tema. O que se nos esixe ás Universidades galegas  non existe para os centros franquiciados. As regras de xogo son, por tanto, diferentes, e se queremos falar de competencia, esta sería unha competencia desleal. Lembremos que a Xunta de Galicia autorizou a implantación destes títulos co informe desfavorable do Consello Galego de Universidades.
A Universidade da Coruña presentou varias propostas de alegacións á Lei de Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2015. Como valoran os Orzamentos para o ano próximo?
A UDC presentou unha serie de alegacións aos orzamentos de 2015 aos grupos parlamentares e á Consellaría de Facenda sobre o control previo da contratación laboral de profesorado contratado temporalmente, sobre a redución salarial e sobre a devolución da parte deivindicada da paga extra de 2012. Ningunha destas alegacións se tivo en conta, de modo que a valoración é negativa, non só por estas cuestións, senón pola cantidade en porcentaxe de PIB que é claramente insuficiente para o Sistema Universitario Galego, o cal, de seguir así, fai inviable un servizo público de calidade.
Unha das súas queixas fronte aos orzamentos é que a Xunta asume o control previo para aprobar a lista de postos temporais de Persoal Docente e Investigador. Non é normal que a Xunta, se financia as universidades, teña certo mando sobre a política de persoal destas institucións?
A Xunta xa ten establecido, por lei, un límite de gasto para o Capitulo I, PDI e PAS que por suposto cumprimos. Entra dentro da Autonomía Universitaria, neste caso autonomía de xestión, facer a política de profesorado adecuada para a institución. Xa existe unha taxa de reposición para o profesorado permanente que establece o Estado e as universidades informamos á Xunta de todos os gastos do Capítulo I. Outra cousa é a autorización previa para á contratación temporal, pois vulnera, como dixen, á autonomía de xestión, dificulta o normal funcionamento da institución, impide facer políticas de profesorado, e ademais Galicia é a única Comunidade Autónoma que o fai.

Ningún comentario:

Publicar un comentario