xoves, 29 de xaneiro de 2015

O novo decreto de Wert impoñerá dous anos de masters a prezo desorbitado para expulsar da Universidade os fillos dos traballadores.

Aproveitando as datas, en plenos exames na universidade, o Ministro Wert quere aprobar a hurtadillas un novo ataque á Universidade pública. Un ataque que expulsará centos de miles de estudantes, que desvalorizará os nosos títulos e que devolverá a Universidade aos tempos nos que só unha minoría privilexiada podía acceder a ela, pechándonos o paso á inmensa maioría, aos que provimos de familias traballadoras.
O Ministro Wert planea aprobar o famoso decreto 3 +2 no Consello de Ministros da próxima semana e que entraría en vigor, segundo os seus plans, o próximo mes de setembro. Formula reducir a tres anos os estudos para obter os títulos de grao, que agora son catro anos ou 240 créditos lectivos. A redución dos graos a 180 créditos ou tres cursos, complementarase coa ampliación a dous anos dos masters de pagamento (actualmente un ano) para finalizar os estudos universitarios. Isto provocará unha depreciación dos títulos de grao, que se converterán en papel mollado no mercado laboral.
Despois duns recortes presupostarios e un incremento das taxas de matrículas que expulsaron das universidades públicas 45.000 estudantes nos dous últimos anos, segundo datos oficiais, os novos axustes presentaranse como unha barreira económica insalvable para os fillos dos traballadores. O custo dos masters dun ano na Universidade Complutense de Madrid, a primeira en número de alumnos, oscila entre 4.000 e 7.000 euros anuais. A partir da entrada en vigor do novo decreto, no curso 2015-2016, teremos que afrontar o pagamento de dous anos de máster para poder obter un título universitario que sexa recoñecido no mercado laboral. Así está claro que será tan só unha minoría privilexiada quen poida custearse os estudos universitarios que poderán ascender tranquilamente a máis de 20.000 euros. E a outra cara desta reforma vén tamén en forma de despedimentos masivos de profesores ao reducir os anos de grao.

O Partido Popular non quere que a educación sexa un dereito e todas as contrarreformas e decretos que están a aprobar van na liña de convertela nun negocio para que uns poucos se fagan multimillonarios. As universidades privadas xa están a fregar as mans con esta nova proposta. Se a día de hoxe o 38% dos postgraos se imparten en universidades privadas, con este novo ataque os petos destes de sempre encheranse aínda máis.

Para o PP sobran universitarios. Queren expulsarnos o mercado laboral o antes posible, sen cualificación, sen gastar un céntimo de euro na nosa educación, para someternos á explotación máis salvaxe nas empresas, botarnos ás listas do paro crónico ou empurrarnos ao exilio económico.

Hai que responder ao goberno coa mesma forza e contundencia coa que nos atacan! Por iso dende o Sindicato de Estudantes imos poñernos en contacto co resto de organizacións estudantís para organizar a resposta da xuventude ante este novo ataque que pretende acabar coa Universidade Pública.

Non podemos consentir que este goberno de corruptos que só defende ricos e banqueiros remate coa Universidade pública e co dereito dos que somos fillos de traballadores á educación superior!

Ningún comentario:

Publicar un comentario