luns, 19 de xaneiro de 2015

A Consellaría de Cultura convoca, a través da Fundación Cela, un concurso literario só en español

A Consellaría de Cultura promove un concurso literario só en español. Faino a través da Fundación   Cela, entidade de carácter público cun padroado presidido polo Conselleiro de Cultura. 

“Cultura e Educación, a través da Fundación Camilo José Cela, arranca o ano cunha intensa programación na que destaca a conmemoración do XIII aniversario do pasamento do Premio Nobel padronés”, é o título da información que a propia Consellería recolle na súa páxina web, anunciando a programación da Camilo José Cela na que se inclúe un concurso de microrrelatos nas categorías infantil, xuvenil e adultos só en idioma español. A programación inclúe tamén a “tradicional misa funeral” na Igrexa de Santa María de Adina que se desenvolverá o vindeiro día 22 ás 19 horas. Segundo a Consellaría, no programa de actividades “destaca a conmemoración do XIII aniversario do pasamento do Premio Nobel padronés”.
A programación prepara, no ano previo, o centenario do nacemento de Camilo José Cela e, nesta edición, o concurso de microrrelatos homenaxeará a obra “Viaje a la Alcarria” polo que os pequenos relatos terán que comezar co inicio dese libro do Nobel: El viajero está echado, boca arriba, sobre una chaise-longue forrada de cretona…”. A plataforma creada arredor do concurso, microrrelatosfcjc.com,  está operativa desde este sábado pasado. 
A Xunta reservou nos orzamentos de 2015 unha partida de 257.294 euros para a Fundación Cela, fundación de carácter público despois de ser rescatada polo goberno galego, que conta cun padroado presidido polo conselleiro de Cultura, Jesús Vázquez. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario