"De xeito irregular, sen contrato nin Seguridade Social". Así se atoban os docentes, tal e como lembraron tamén o secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, e Ana Rodiño, responsable de Formación da central. Advertiron así dun conflito entre os profesores do Celga e a Secretaría Xeral de Política Lingüística que, segundo denuncian os afectados, mantíñaos sen relación laboral oficial, sen dereito a baixa por enfermidade ou accidente ou sen dereito a vacacións nin a prestación por desemprego. "Non tiñan ningún dereito laboral recoñecido polo Estatuto dos Traballadores".
CIG-Ensino segue a demandar a dimisión do conselleiro e do secretario xeral de Política LingüísticaAnte a morea de demandas gañadas, a CIG-Ensino continúa a demandar unha resposta axeitada da Xunta, pero tamén a dimisión do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e máis do conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez por unha "actuación indecente, prepotente e irregular".
Foi no curso 2006-07 cando se puxo en marcha a Certificación de Lingua Galega (Celga) a través de cursos ofertados a todo aquel que quixese acreditar o seu coñecemento do idioma cun título que é requisito ou valoración indispensable en numerosos ámbitos. Para levalos a cabo, a Administración contou con docentes desempregados, que impartían as aulas durante dous ou tres meses ao ano.
A CIG alertou durante tempo que este colectivo -que incluía máis de 400 titulados- impartía as clases sen contrato de traballo ningún e sen estar dado de alta na Seguridade Social. A denuncia que a central nacionalista interpuxo ante a Inspección de Traballo resolveuse recoñecendo a relación laboral entre a Consellería e este profesorado e dando de alta de oficio con efectos retroactivos nos períodos nos que se impartiran aulas nos catro anos anteriores, ademais de impor unha multa de máis de 200.000 euros á Administración por actuación fraudulenta.
A denuncia ante Inspección xa se resolvera recoñecendo a relación laboral coa Xunta e impoñendo unha multa á ConselleríaPero ante esta situación e tras a resolución, a Consellería optou por non ofrecer os cursos do Celga ao profesorado en paro, senón que apostou por que sexan docentes en activo de secundaria os que impartan estas aulas como horas extraordinarias, algo que a CIG rexeitou frontalmente. De feito, a propia central pediu a solidariedade co colectivo dos cursos preparatorios do certificado de lingua galega e o rexeitamento desas horas lectivas como extraordinarias.
Hai menos dun ano, confirmábase que a Xunta tiña que recorrer a asesores, auxiliares ou docentes de Primaria ante as dificultades para atopar docentes de Secundaria que dese os cursos. E que mesmo Educación tivera que anular algún ante a negativa maioritaria dos profesores en protesta polo despedimento masivo de compañeiros.
Tras as sentenzas, o custo do conflito para a Administración "pode superar o millón de euros", segundo a CIGMentres, o conflito segue nos xulgados. “Temos presentadas 52 demandas e, neste momento, xa conseguimos 20 sentenzas que declaran os despedimentos nulos e 6 que declaran os despedimentos improcedentes. A primeira sentenza é de xuño de 2014 e a última de xaneiro de 2015. Estas sentenzas obrigan a readmitir os e as docentes no posto de traballo e a pagarlles os salarios de trámite polos cursos que lles correspondía impartir no 2014. O custo deste conflito para a Administración, se sumamos as cotizacións e as multas, pode superar o millón de euros”, advertiu Louzao.
“Nin o secretario xeral nin o conselleiro asumen a súa responsabilidade e continúan cunha actuación impropia, prepotente e contraria aos dereitos laborais máis elementais –denunciou Louzao. Estamos ante un feito que é paradigma de como actúa a Consellaría de Educación. Desenténdese deste profesorado formado e desenténdese de promover o uso e a normalización do noso idioma, destrúe emprego e, no canto de negociar, procede de maneira vingativa e represiva con este persoal por reclamar os seus lexítimos dereitos laborais”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario