mércores, 28 de xaneiro de 2015

Telefónica lanza un servizo para acadar un uso seguro das TIC nos menores de idade

elefónica vén de lanzar no mercado español un servizo de control para nais, pais ou titores que lles vai facilitar a xestión da vida dixital das nenas e os nenos con dispositivos móbiles. A nova achega, chamada Movistar Protexe, permite en palabras da operadora “protexer en tempo real e dende calquera lugar até 10 aparellos diferentes, achegando todas as garantías de seguridade para os menores”. Deste xeito, a través da web do servizo, as nais e os pais poderán facer cousas como establecer límites de uso responsábel, bloquear contidos inapropiados ou perigosos, localizar o dispositivo do menor ou restrinxir certas aplicacións. O servizo lánzase cunha subscrición mensual desde 1,5 euros.
Xa nun plano máis detalle, Movistar Protexe abrangue medidas de salvagarda para todo tipo de trebellos (PC, Mac, tableta, smartphone, iPad, iPod, iPhone e Kindle) e posibilita a configuración de cantos perfís desexemos para cada dispositivo, o establecemento de horarios de uso (tanto para navegación como para o uso de aplicacións), a achega de informes cotiáns e detallados e a recepción de alertas se o menor visita páxinas non axeitadas ou excede o tempo de uso fixado.
O servizo xa está dispoñíbel para todos os clientes de Movistar baixo un modelo de subscrición mensual “autorrenovábel” con tres modalidades que se adaptan ás necesidades de cada familia: Movistar Protexe 3 (que permite xestionar até 3 dispositivos diferentes por 1,5 euros/mes), Movistar Protexe 5 (para protexer até 5 dispositivos por 2 euros ao mes) e Movistar Protexe 10 (até 10 dispositivos protexidos por unha cota de 3,5 euros).
Lembrar por último que Movistar Protexe é un servizo multiplataforma que nace froito do acordo global acadado en decembro de 2014 por Telefónica e Qustodio, compañía barcelonesa de solucións de seguridade, polo que ambas as entidades se comprometeron a ofrecer servizos aos clientes de Telefónica empregando as ferramentas de seguridade e control de Qustodio. España é o primeiro país no que se materializa esta alianza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario